Aproveita unha subvención especifica para conseguilos, a custe cero para a veciñanza

A través da financiación do fondo de compensación ambiental o goberno das Neves acaba de adquirir un vehículo novo e tamén varios tipos de contedores para a recollida do lixo. A subvención que se aproveita ao cento por cento permite a adquisición de equipamento destinado a mellora do medio ambiente.

O Concello das Neves quere seguir avanzando na transformación do sistema de tratamento do lixo, para iso amáis de apostar polo plan de compostaxe -plan Revitaliza-, ao tempo dota aos seus núcleos de poboación de máis posibilidades para a reciclaxe. Neste momento remata de comprar contedores para a recollida selectiva de papel-cartón, envases e outros de tamaño menor para o seu uso en eventos.

Por outra banda, tamén ven de entregarse a nova furgoneta que servirá para mellorar a prestación dos servizos públicos sustituíndo, en breve a algún dos vehículos máis antigos que están no límite da súa vida útil.

O Concelleiro de medio ambiente e patrimonio, Oscar González, indica que amáis de atender o día a día da xestión, o goberno nevés quere transformar a realidade como no mencionado caso do tratamento do lixo.