A Concellería de Ensino e Benestar Social vén de realizar distintos traballos de arranxo e mellora en varios centros de As Neves, destinando aos mesmos máis de 8.000€.

Escolas infantís de Rubiós e Taboexa

A semana pasada remataron as obras de rehabilitación, aviado e instalación do parque da Escola de Educación Infantil de Rubiós, que abrangueron a reposición, reparación e revisión de pezas, pintado de estruturas, recuperación da varanda e substitución de táboas rotas, ademais de aviar os soportais exteriores e substituír as pezas dos baños, por un importe total de 4.186,60€.

O parque, situado a carón da nova Casa da Música, está aberto para uso de todas as veciñas e veciños da parroquia e, nos vindeiros meses, o Concello orzamentará a habilitación dun novo ‘patio interior’ na propia escola.

Do mesmo xeito, nos vindeiros días, coincidindo co aumento da matrícula na Escola Infantil de Taboexa, o Concello realizará a instalación da calefacción na mesma logo de que se habilitase a segunda aula. O orzamento para este traballo superará os 1.500€.

Galiña Azul

Nas últimas semanas, o Concello rematou a colocación do valado arredor do xardín, con presuposto que superou os 600€ e xa empezaron os traballos para situar o novo centro na antiga casa do conserxe do colexio.

Esta nova escola, prevista para acoller, en principio a 20 nenas en nenos, terá unha superficie de máis de 160 metros cadrados e disporá dunha parcela de máis de 400 e estará co-financiada pola Xunta de Galicia.

O custe total da mesma será duns 300.000€ dos que a administración galega aportará 225.000, o 75%, e o Concello de As Neves, os outros 75.000- o 25%.

CEIP Pazo da Mercé

Ao longo verán, aproveitando as vacacións escolares, o Concello levou a cabo distintas melloras e arranxos no CEIP Pazo da Mercé, fundamentalmente na instalación eléctrica, espazo deportivos ademais da retirada de distintos materiais para o punto limpo.

A concelleira de Ensino, Pilar González Casas, agarda poder manter unha xuntanza co xefe territorial da Consellería de Educación, César Pérez Ares, a cal xa se ten solicitado en dúas ocasións, para expoñerlle a necesidade de acometer o cambio de fiestras e persianas, “que son as mesmas que na súa inauguración hai máis de 30 anos” e que atópanse en moi mal estado.