Dende o pasado luns, 2 de marzo, está en funcionamento no Concello das Neves un ‘Sistema de Control Horario’ dos traballadores e traballadoras municipais, que neste momento son 37 persoas e que no verán chegarán alomenos a 53.

O sistema, que rexistra neste momento 13 horarios distintos, coa xornada laboral xeneralizada de 35 horas semanais, permite ‘fichar’ dende o ordenador do traballo, dende unha aplicación móbil, dotada cun localizador GPS, ou nunha ‘tablet’ situada nas instalacións do Mercado Municipal.

Este programa, ademais do devandito control de entrada e saída de cada persoa, posibilita a consulta das solicitudes de días libres, incluídos os do alcalde e os concelleiros; facilita lograr outros dos obxectivos do mesmo: organizar mellor os departamentos municipais; saber si se dispón do número mínimo de profesionais en cada departamento; reformular horarios, labores e ocupacións ou facer a planificación de permisos e vacacións.