Para celebrar o ‘Día de Rosalía’, os centros de ensino, de todos os niveis, e o Concello das Neves teñen programadas as seguintes actividades:
Escola de Educación Infantil de Rubiós
As nenas e nenos da Escola Unitaria de Rubiós van interpretar a canción do poema “O moucho” e trasladala a un collage. Ademais, realizarán un obradoiro de cociña para elaborar un moucho con madalenas e galletas tipo Oreo.
Escola de Educación Infantil de Taboexa
Na Escola Unitaria de Taboexa tamén realizarán unha coreografía arredor do poema “O moucho” e un obradoiro elaboración de galletas.
CEIP Marquesa do Pazo da Mercé
No colexio de Educación Infantil e Primaria, realizarán unha serie de actividades para todos os cursos:
– Lectura de poemas por cursos.
– Proxección da curta “Rosalía pequeniña”.
– Elaboración dun mural coa cara de Rosalía usando as súas fotos.
– Escoita de poemas musicados.
– Interpretación musical de “Adiós rios, adiós fontes”.
– Visita á biblioteca escolar para ler/ver libros de/sobre Rosalía.
IES Pazo da Mercé
No Instituto de Educación Secundaria, artellaron unha serie de actividades integradas nun programa que chamaron ‘Rosaliándonos’:
22 de febreiro:
• A luz inextinguíbel de Rosalía de Castro. Conferencia impartida por Pilar García Negro, profesora da Universidade da Coruña. Curso: 4º ESO.
• Rosalía entre nós. Clase impartida pola poeta María Lado. Curso: 3º ESO
24 de febreiro:
• E ben, para que escribo? A resposta oculta de Rosalía. Conferencia impartida por María Xesús Lama, profesora da Universitat de Barcelona. Curso: 1º Bacharelato.
4 de marzo:
• Rosalía radical: notas sobre as teorías críticas do S. XIX para lerdes El caballero de las botas azules. Conferencia impartida por Helena Miguélez-Carballeira, profesora da Universidade de Bangor (Gales). Curso: 1º Bacharelato.
Ademais:
• Obradoiro de marcapáxinas.
• Hora de ler: Teus doces cantares.
• Concurso da biblioteca: Descubrindo a Rosalía.
Concello As Neves
As Concellerías de Cultura e Ensino colaborarán activamente con todos os centros de ensino aportando libros para agasallar ao alumnado participante nos concursos e certames literarios.
Ademais, as dúas concelleiras, de xeito simbólico, o día 24 levarán aos centros un libro e unha rosa.
Dende o martes, como vén sendo habitual dende 2016, na fachada da Casa do Concello, está pendurada unha pancarta homenaxeando a Rosalía de Castro.