Representantes de centros educativos das Neves participaron nunha reunión convocada polo Goberno local e presidida polo alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, acompañado pola concelleira de Ensino, Pilar Gonzalez Casas, para poñer en común as medidas a tomar neste comezo de curso, marcado pola COVID-19, e establecer a colaboración do Concello ante a “falla de instrucións por parte da Xunta, a día de hoxe”.

Transporte público

Os docentes amosaron a súa precupación ante o comezo das clases -que xa están en marcha na nova Escola Infantil da Galiña Azul– e que empezarán o vindeiro día 10 no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e o 16 no instituto.

Un dos problemas más serios é o do transporte público, especialmente no que atangue ao Instituto, ao que os buses chegan as 08:20 h.cuarenta minutos antes da apertura do centro. Para tentar “axustar o máximo posible a hora de chegada dos autocares co inicio das clases”, o alcalde terá esta vindeira semana unha reunión cos responsbles da nova empresa adxudicataria do transporte.

Entradas e saídas e uso das instalacións dos centros

Polo que se refire ao CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, o Concello comprométese enviará unha persoa encargada da súa apertura e de que o acceso e as saídas sexan graduiais, para evitar amoreamentos. Tamén dende o Concello haberá un control da chegada das alumnas e alumnos en vehículos particulares e do tráfico na zona coincidindo co inicio e remate das clases.

No mesmo centro, hai unha aula, a de 5ª curso, con 25 alumnas e alumnos que non pode ‘desdobrarse’ por falla de persoal, aínda que sí sería posible habilitar dúas clases porque hai espazo para facelo. O Goberno municipal solicitará de Educación que aumente o número de profesores e, no caso de que non se atenda esta solicitude, facilitar o cambio dos estudantes a un espazo más amplo no que sexa posible manter a separación de seguridade.

Limpeza e desinfección

No relativo á limpeza dos centros,o Concello xa limpou o exterior do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé; na Escola de Educación Infantil de Rubiós, o xardín, xardineiras de entrada, areeiros aparcadoiros e accesos e, estos días, estase a levar a cabo unha limpeza integral no interior da Escola de Taboexa e do mesmo CEIP.

A esta medida sumarase o incremento da hixienización, nas propias unitarias, a todos os días da semana para o cal o Concello aumentará as horas de traballo da empresa concesionaria deste servizo, con protocolos distintos en cada nivel educativo. Así mesmo, establecerase unha ‘folla de seguimento’ da hixiene e mantemento dos baños.

Polo que ten que ver coa ‘desinfección’, “traballo pouco definido a día de hoxe e imposto aos concellos pola Xunta”, o alcalde manifestou que o Concello das Neves está disposto a facerse cargo do mesmo, “por responsabilidade”, pero sen deixar de esixir á Xunta que asuma as súas competencias ou os gastos derivados das mesmas.

No CEIP será necesaria unha persoa durante todo o horario lectivo e no caso das escolas unitarias, terán garantido este servizo ao longo do día. Polo que se refire á nova Escola Infantil da ‘Galiña Azul’ a súa directora amosou a necesidade de desinfectar “decote” os espazos e os xoguetes e obxectos usados polos cativos.

Continxencias, clases on line e axudas

Na xuntanza, os responsábeis de todos os centros sinalaron que adiantarán o seu Plan de Adaptación á COVID e o Plan de Continxencia para a ensinanza non presencial, no caso de ter que producirse esta.
Neste aspecto, o Concello comprometeuse a  esixir á Xunta a extensión da Fibra óptica a todo o rural e seguir colaborando cos centros na entrega, en man, na casa das alumnas e alumnos do material e libros que deixaran nos centros, como xa se fixera no período de confinamento.

As directoras e directores dos centros quedaron encargados de comunicar ao Concello os casos que poida haber de familias con problemas económicos para asumir a compra de máscaras para os seus filos e fillas.