O Concello vén de executar cinco novos proxectos de eficiencia enerxética financiados ao 80% con fondos da Unión Europea a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).
O obxectivo principal de todas estas actuacións é cambiar as luminarias existentes por outras novas de tecnoloxía LED que cumpran cos requisitos técnicos esixidos polo IDAE e permitan conseguir os seguintes obxectivos:
a) Reducir o consumo de enerxía eléctrica da instalación reformada, como mínimo, nun 30%. Neste caso conseguirase o aforro do 70%.
b) Reducir o consumo de Enerxía Primaria e de emisión de CO2 (un gas de efecto invernadoiro).
c) Cumprir coas esixencias de alumeado do Regulamento de Eficiencia Enerxética en Instalacións de Alumeado Exterior.
d) Regular os niveis de iluminación segundo diferentes horarios nocturnos e tipos de vías, axustándose ás necesidades dos veciños e veciñas.
As actuacións principais, realizadas ao longo do territorio municipal, consistiron no cambio dun total de 1.156 luminarias por outras novas de tecnoloxía LED, substituíndo a maioría dos elementos de soporte que se atopan deteriorados xunto con metros de cable aéreo trenzado, e o cambio de 23 cadros eléctricos; co obxecto de garantir o cumprimento da normativa vixente.
Nos vindeiros meses, coa financiación de novas subvencións, completarase a renovación de todo a alumeado público chegando a cambiar en total case 2300 farolas a tecnoloxía led.