A Concelleira de Ensino, Pilar González Casas, visitou os centros educativos das Neves, xunto coa coordinadora da empresa ‘Talentea’, coa finalidade de presentar ás direccións correspondentes as actividades a desenvolver dentro do proxecto de intervención socio-educativa para o fomento da igualdade entre o alumnado.

Este proxecto se financiará cunha subvención da Deputación de Pontevedra destinada ao fomento de igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero.

‘Na casa tod@s iguais’

Estas actividades desenvolveranse no mes de novembro e están dirixidas ao alumnado do 2º ciclo de Educación Infantil do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e das escolas unitarias de Rubiós e Taboexa. Serán sesións de contacontos e obradoiros ou xincanas nos que se traballará arredor do tema “Na casa tod@s iguais”.

Con esta acción, complétase todo o alumnado do colexio, xa que no mes de marzo os alumnos e alumnas de Educación Primaria participaron nunha iniciativa na que traballaron sobre a corresponsabilidade de xénero; actividade que fora financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

‘Novas masculinidades’

O alumnado de Secundaria do IES Pazo da Mercé traballará co concepto de “novas masculinidades”, contando co apoio dun grupo de representantes do Comando de Igualdade e Diversidade que xa existe no centro e da profesora de Educación Plástica, Visual e Audiovisual.

‘Falemos de sexo’

Por último, os alumnos e alumnas de Bacharelato, FP Básica e Ciclos Medios, faranse varias charlas participativas arredor do tema “Falemos de sexo”. A concelleira subliña que “trátase dun programa completo co que se aposta pola educación na igualdade, en todas as idades”.