Rematado o inverno e coa chegada do bo tempo, o Concello das Neves vén de iniciar o asfaltado nos viais municipais, que estarán rematados nos vindeiros meses.

Neste intre están en marcha Calvario, na parroquia de Rubiós, e Casal, en Taboexa. Ademáis xa está adxudicado o acceso a Setados, no barrio de Lamela e de Gende en Rubiós.

Coma adiantou o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, están en proceso de contratación as obras máis importantes, “tendo en conta o tráfico das estradas, o servizo que prestan e o mal estado no que se atopan”, dende Guimeráns, en San Pedro, ate Santa Eulalia de Batalláns e a pista dende a Igrexa de San Pedro ate o Pousadouro en San Xosé de Ribarteme.

O alcalde subliña que está finalizando a fase de adxudicación o plan de retirada de raíces “en máis dunha dúcia de puntos”, en moitas das parroquias e o Goberno local tramitou xa a subvención do ‘Plan Camiños’ da Xunta de Galicia, para renovar o asfaltado nos barrios da Chan e Filgueira.