O Concello  levará a cabo a adecuación da antiga vivenda de mestres anexa á Escola de Vide. O obxectivo deste proxecto é a rehabilitación para a súa inscrición no programa de vivendas baleiras implantado no Concello As Neves dende febreiro de 2019.

O proxecto, redactado polo arquitecto municipal en febreiro deste ano, recolle unha serie de traballos de acondicionamento que non alterarán as prestacións da edificación nin da vivenda. Realizarase un cambio da distribución, renovación dos acabados, renovación das carpinterías, tanto exteriores (aquelas que se atopan en mal estado) como interiores, renovación das instalacións interiores da vivenda, e incluso acometidas ás redes de subministro e renovación da cuberta.



Mantense o mesmo cerramento existente, que conta con carpintería de aluminio e algúns elementos de madeira que serán substituídos por aluminio de similares características ao existentes. Realizaranse melloras no illamento das paredes e procederase á limpeza da cuberta e á substitución daquelas tellas rotas ou en mal estado. Finalmente, as instalacións dotaranse para cumprir as condicións de habitabilidade.



As obras executaranse nun prazo estimado de seis meses dende o seu inicio, e licitaranse por un orzamento de 53.908,30 €, que se co-financiará con fondos da subvención para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.