A Concellería de Vías e Obras das Neves, que dirixe o primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, vén de rematar a primeira fase da reparación da estrada de Casal da Vila ao Marquiño.

Trátase dunha mellora que vén de realizarse cun proxecto e financiamento de hai 2 anos, debido a problemas no proceso de adxudicación da obra. “A vía xa sufriu un empeoramento que non estaba previsto inicialmente, polo que se proxecta xa unha seguinte actuación para deixala en condicións óptimas“, subliña Marcelino Couto.

Preto de 4 quilómetros

A actuación realizouse ao longo de 3,6 quilómetros, nunha vía que dá servizo ás parroquias de San Xosé de Ribarteme e Cerdeira, “mellora tamén o acceso As Neves e o desprazamento cara a autovía A-52 pola zona do Pousadouro”, engade Couto, quen reitera a importancia desta actuación e a súa complexidade . O orzamento total foi de 55.568,67€, financiados na súa totalidade con fondos propios do Concello.

 

O alcalde e o Tenente de Alcalde, acompañados por técnicos, estiveron no lugar para avaliar e valorar as actuacións da seguinte fase de reparación.