O Concello das Neves segue adiante coa roza e limpeza de vías, beiravías, estradas e rúas en toda a vila de cara a reducir ao mínimo o risco de lume durante os meses de verán. Os traballos están rematados ao 70% e a Concellería de Servizos Públicos ten previsto chegar ao cen por cen ao longo desta mesma semana.

Para adiantar o labor, que está atrasada en relación cos anos anteriores pola paralización de certos traballos a causa da pandemia da Covid-19, ao final do mes pasado incorporáronse máis persoas que, indica o segundo tenente de alcalde e concelleiro de Servizos Públicos, Óscar González, “non puideron ser empregadas antes ao non estar resoltas as subvencións correspondentes da Xunta de Galicia”.

Aínda así, sinala o tenente de alcalde, “para que poder ir recuperando o tempo de atraso procedeuse a contratación externa dalgúns traballos en areas recreativas e sendas e empregados municipais están redobrando esforzos nas súas xornadas e incluso alongando o seu horario de traballo”.



Dende o Goberno municipal pídese, de novo as veciñas e veciños e colectivos locais que, na medida do posíbel, manteñan limpas as frontes das súas propiedades para poder avanzar e prestar mellor estes servizos.