Os membros do Goberno local das Neves, acompañados polo secretario xeral do PSdG-PSOE na provincia de Pontevedra, David Regades, e por Ana Miranda, integrante da Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), celebraron este martes os dous primeiros anos de xestión deste mandato.

Vive Nas Neves

O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez (BNG), subliñou a “importancia” e a “responsabilidade” do acordo entre PSOE e o Bloque para facer posible o actual goberno. Rodríguez Méndez apuntou que dende este momento van a empezar a fructificar os plans e iniciativas impulsadas na primeira parte da ‘lexislatura’e poderemos facer realidade as transformacións que “consideramos esenciais para o noso territorio”.

Rodríguez referiuse ao proxecto ‘Vive Nas Neves’, que quere ser un cambio total do que supón vivir aquí, abranguendo unha nova proposta urbanística, social, económica, laboral, cultural e medioambiental, por medio da actividade municipal e a colaboración con outras administracións, “que fará posible ofrecer un fogar e un xeito de vivir”.


Conxunción, cohesión e amizade entre os membros do Goberno

Marcelino Couto (PSOE),primeiro tenente de alcalde, felicitouse pola conxunción a cohesión e a amizade entre os seis concelleiras e concelleiros do Goberno local, totalmente paritario, que permitiu traballar cos mesmos obxectivos, “remando na mesma dirección, como único xeito de avanzar” e acadar os resultados que faciliten a vida das veciñas e veciños. Couto mirou cara o futuro e adiantou que seguirá esta labor e esforzo constante, na idea de que “sempre se pode facer algo máis e tendo a sensación de que sempre queda algo por facer”, un inconformismo que permite medrar e progresar.

O Concello preto das veciñas e veciños durante a pandemia

David Regades amosouse “moi satisfeito” pola xestión realizada durante estes dous anos e porque dúas forzas de esquerdas fosen quen de chegar a acordos para “sumar”. Na súa experiencia, engadiu, no Concello de Vigo e na Deputación de Pontevedra, o BNG é un “socio ideal” para gobernar, “con persoas nas que se pode confiar e coas que é facil traballar, como se pode comprobar”.

O secretario xeral dos socialistas da provincia quixo subliñar a importancia da acción dos concellos, en xeral, e concretamente, do das Neves, durante o tempo da emerxencia sanitaria e a incertidumbre creada pola COVID e, neste sentido, agradeceu o esforzo das concelleiras e concelleiros para estar cos cidadáns e, especialmente, que se atendera ás veciñas e veciños de xeito que fosen partícipes de que tiñan dereito a esa axuda e que sentisen que a administración que está máis preto deles estivo, en todo momento, ao seu carón.

Regades reafirmou a súa aposta pola necesidade de esforzarse por mellorar a vida das persoas que viven no rural, por garantirlles os mesmos servizos, dereitos e oportunidades. Neste sentido enfatizou que “apostar polo rural é investir no rural” para asegurar a mellora das infraestruturas, das comunicacións, empezando polo despliegue da fibra óptica, da sanidade, do emprego, da industria, da cultura, do lecer e do medio ambiente.

Xestión transversal

Ana Miranda aplaudiu o feito de que o Goberno das Neves apostase por unha xestión “transversal”, de xeito que non hai compartimentos ‘estancos’ e que todos os temas son importantes e as decisión tómanse en equipo. Miranda lembrou a colaboración de PSOE e BNG noutras institucións, como a Deputación de Pontevedra e comentou o bo funcionamento da mesma e os resultados que están a beneficiar a milleiros de persoas.

A responsable de asuntos europeos do BNG agradeceu ao Goberno das Neves que soubese sobrepoñerse a un feito de tanta gravidade como foron os incendios de 2017 e que os encarase con decisión, logrando darlles a volta buscando novas oportunidades sociais, laborais, económicas ou medioambientais.

Miranda apostou por impulsar o rural galego, mellorando as infraestruturas verdes, potenciando a transformación urbanística, optando aos fondos europeos, participando nos foros da UE,como cando o alcalde das Nevs viaxou a Bruxelas para expor o problema dos incendios agravado pola proliferación das plantacións de eucalipto.