O Concello das Neves vén de encargar á empresa Galivalia Consulstgo a realización da nova Relación de Postos de Traballo que comprenderá os seguintes traballos:

Recollida de datos: Nesta fase inicial búscase recoller a maior cantidade de información posible relativa á situación actual do Concello no referido ós postos de traballo, a organización dos mesmos e ós seus ocupantes. Esta etapa permitirá recoller información significativa e suficiente sobre a estrutura administrativa actual do Concello, o organigrama administrativo e o desempeño laboral ordinario municipal.

Elaboración do primeiro borrador da RPT: Realizarase unha primeira proposta de organigrama administrativo que recollerá tódolos postos de traballo do Concello. A continuación, desenvolverase unha descrición funcional, tanto dos departamentos como das unidades ou seccións que conformen o organigrama do Concello. Así mesmo, nesta fase elaborarase, para cada posto de traballo, unha ficha que o describa, susceptible de modificarse dixitalmente polo Concello.


Elaboración da valoración dos postos de traballo: O proceso ten como obxecto determinar, para cada posto de traballo, a súa importancia relativa (en relación cos demais postos de traballo), coa finalidade de establecer unha estrutura salarial baseada en principios obxectivos vinculados á natureza e características reais dos mesmos.

Elaboración dos estudos do impacto económico: a elaboración dunha RPT constitúe un instrumento moi útil ao contar cunha proxección de cales van ser os futuros custes de persoal.

Determinación do documento completo de Organigrama e RPT inicial: Como resultado final dos traballos procederase á elaboración do documento completo de Organigrama e RPT do Concello que recolla os resultados das distintas actividades. En todo caso, dito documento completo de RPT conterá, como mínimo, o establecido polo artigo 38.4 da LEPG.

A Empresa pon a disposición do Concello os coñecementos e experiencia dos seus asesores especializados que levan realizado relacións de postos de traballo para moitas administracións públicas nos últimos anos. A previsión de custos destes traballos é de 3.000€ máis IVE.

Finalmente, o documento será obxecto de negociación colectiva cos representantes dos traballadores, previa á aprobación definitiva da RPT.