O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, o primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, o segundo tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Óscar González, e a concelleira Rocío Barreiro, reuníronse con responsábeis da Consellería de Medio Rural, logo da declaración de 9 conatos de lumes no Coto do Facho e na zona da Chan, en Tortoreos, -o mesmo lugar polo que entraran os incendios de 2017-.
A situación na que se atopa este lugar fixo que se activasen as alarmas, indicou o alcalde, quen apuntou que é “unha zona pola que, irremediablemente, como xa vimos en 2017, as lapas chegan a unha parte do casco urbano no que hai unha gasolineira, unha nave, tendas e vivendas e que poden causar gravísimos danos”.
Na reunión os membros do Goberno local, insistiron na necesidade de eliminar canto antes toda a masa forestal de especies pirófitas (aquelas que propagan con facilidade o lume, como o eucalipto, o piñeiro e a acacia) do perímetro do Coto do Facho, algo que non se fixo ata hoxe e que é urxente e posible, á vista da evolución da situación sanitaria.
Os representantes da Consellería de Medio Rural expresaron a súa intención de actuar no lugar,se ven apuntaron a que existen dificultades dado que hai varias parcelas privadas e precisan permiso dos seus propietarios para entrar nelas. Por iso, en colaboración co Concello, redobrarán os traballos para identificar, localizar e notificar aos donos das fincas a necesidade de que ou ben limpen as súas terras ou permitan que o fagan os traballadores da Xunta.
Na mesma liña, Medio Rural tamén estreitará os contactos cos responsábeis das Comunidades de Montes das Neves para poder facer o mesmo, coa máxima urxencia nas parcelas das zonas da ‘faixa de seguridade’ que están dentro do territorio destas comunidades. Fora das mesmas, o Goberno local das Neves conseguiu o compromiso da Xunta para contratar capataces que realizarán inspeccións, mentres que e o Concello axilizará as notificacións aos propietarios.
Chamamento aos propietarios para que asinen co Seaga o contrato de limpeza de parcelas
Na mesma liña, o alcalde e o concelleiro de Medio Ambiente fixeron un chamamento aos titulares de parcelas para que asinen coa empresa pública Seaga un contrato de xestión da biomasa e limpeza de fincas. O mesmo ofrece a posibilidade de contratar esta limpeza e roce por unha tarifa anual de 350 € por hectárea, o que é o mesmo, 35€ por 1.000 metros cadrados, axudando así á prevención e defensa contra os incendios forestais.
Ata hoxe propietarios de 26 hectáreas, das 70 que abrangue o convenio entre Seaga e o Concello das Neves, asinaron o contrato para a limpeza das súas fincas. Realizaron o pago os donos de 21 hectáreas e xa están limpas 16 delas, quedan 5 e en 4 hai arborado que os donos poden talar ou vender.
Compromiso do presidente da Xunta
O alcalde, quen agradeceu a boa vontade dos representantes de Medio Rural, confía en que a Xunta dea cumprimento á promesa que o presidente Feijóo fixo na xuntanza que mantiveron en Santiago hai dous anos e se realice a limpeza neste lugar.
“A consellería dispón de todos os datos e estudos, realizou unha avaliación da situación logo dos incendios de 2017, ten a competencia e conta cos medios”, indica o alcalde, quen reitera a urxencia desta actuación que, subliña, “é un traballo esencial de prevención, de anticipación”, ante a posibilidade de incendios que, “como xa sufrimos as veciñas e veciños das Neves poden causar danos irreparábeis”.