Dentro do proxecto para o fomento da igualdade entre o alumnado dos centros educativos do concello das Neves, vén de levarse a cabo un obradoiro dirixido ao alumnado de Secundaria do IES Pazo da Mercé: “O home que queres ser”.

Comando de Igualdade e Diversidade

Na actividade interviñeron un grupo de representantes do Comando Igualdade e Diversidade do IES, un equipo formado por preto de 40 rapaces e rapazas da ESO comprometidos/as coa igualdade, e a docente de Educación Plástica, Visual e Audiovisual.

Sensibilización en igualdade

A resposta final recollida foi moi positiva, acadando un alto grao de implicación tanto por parte do centro como do  alumnado.

Nas diferentes sesións nas que se desenvolveu esta actividade, guiouse aos rapaces e ás rapazas na creación e posta en marcha dunha campaña de sensibilización en igualdade que xirou arredor do concepto das “novas masculinidades”.

Durante a primeira sesión levouse a cabo un repaso e o contexto tanto da evolución como da situación actual en relación ao concepto de masculinidade, e tratouse de espertar o seu interese e motivación.

Co-responsabilidade, igualdade e rexeitamento da violencia machista

A partir da seguinte sesión, o alumnado dividiuse por grupos que se encargaron da elaboración dunha viñeta na que se representaran escenas ou situacións nas que o papel do home se atopara afastado dese modelo tradicional de masculinidade hexemónica, e representara a un home comprometido coa co-responsabilidade, coa igualdade e co rexeitamento de calquera tipo de violencia contra as mulleres.

Presentáronse un total de 13 viñetas e foron seleccionadas as dúas
que mellor plasmaban a idea que se pretendía transmitir sobre as novas masculinidades.

Camisetas, chapas e bolsas de tea

Estas viñetas, seleccionadas por un grupo de alumnado pertencente ao Comando Igualdade e Diversidade e representantes do profesorado, serviron para imprimir en distintos soportes (camisetas, chapas, bolsas de tea), para ser distribuídos entre o alumnado.

Gañar en igualdade

A través desta iniciativa pretendeuse que o alumnado, especialmente os rapaces, reflexionaran, e esta reflexión, lles servise como xermolo de cambio persoal cara a posicións e formas de actuar e de ser máis igualitarias.

Adoitando unha nova ‘masculinidade’ deben estar dispostos a perder
privilexios para gañar en igualdade, dende o convencemento de que co cambio eles tamén gañarán.

Este obradoiro foi subvencionado pola Deputación de Pontevedra.