Recuperar para o seu desenrolo económico e ambiental 40 hectáreas de monte entre as parroquias de Tortoreos e Rubiós, por medio dunha nova ‘Aldea Modelo’. Ese é o proxecto no que traballan o Concello das Neves e Consellería de Medio Rural da Xunta dende hai máis dun ano.
Esta semana pasada deuse un novo paso neste proceso de creación desta nova ‘aldea’ nunha xuntanza entre o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, o concelleiro de Medio Ambiente e segundo tenente de alcalde, Óscar González, o subdirector de Mobilidade de Terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), Alejandro Sánchez de Dios, e parte dos veciños propietarios dos terreos nos que se proxecta implantar esta aldea modelo.
“Boa acollida”
Para o concelleiro de Medio Ambiente, a reunión foi “moi produtiva e a proposta tivo moi boa acollida entre os propietarios presentes”, que representaban o 36% de toda a superficie que ocuparía a nova aldea. Óscar González indicou que nos próximos días a Xunta contratará a empresa que contactará cos donos de todos os terreos para empezar a tramitar a documentación e coñecer cantos deles estarían dispostos a alugar as súas terras para poñer en marcha esta iniciativa.
Creación de emprego
O obxectivo final desta iniciativa, lembrou o alcalde, é “pasar do abandono á utilidade”, recuperando un espazo desatendido para obter produtos con selo ecolóxico, “facilitando a creación de emprego e de riqueza e, ao tempo, comprometerse coa recuperación ambiental”.
Nesta superficie, que seguirá sendo dos seus propietarios que recibirán un alugueiro, está previsto o establecemento de diferentes actividades de explotación que manterán o respecto polo medio ambiente, permitirán o uso da terra e xerarán bens de consumo. Entre aquelas ideas que opten facerse realidade na aldea modelo, teranse en conta aqueles requisitos e outros coma o de cercanía, primando os impulsados por veciñas e veciños das Neves, e viabilidade.
Recuperación de terras abandonadas, prevención de lumes, rehabilitación de vivendas
Este proxecto engarza coa recuperación de terras agrarias abandonadas que está a impulsar a Xunta que, coma no caso desta demarcación entre as parroquias de Tortoreos e Rubiós, pretende mobilizar a terra para a recuperación produtiva en zonas abandonadas preto de núcleos de poboación, contribuíndo, ademais á recuperación e rehabilitación de vivendas abandonadas e a prevención de incendios.