Os alcaldes e alcaldesas dos doce concellos do Miño na provincia e no norte de Portugal (A Guarda, O Rosal, Tomiño, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente, Caminha, Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço) acordaron pasar á acción e realizaron este mércores a súa primeira protesta simbólica para reclamar a “imprescindible” e “urxente” apertura dos pasos na fronteira.
Na reunión celebrada na noite do luns as e os rexedores acordaron que é necesario defender o territorio, ás e aos seus traballadores, empresas e as relacións da cidadanía fronte ao afogo actual.
“Precisamos un balón de osíxeno”, “este é un territorio seguro” ou “hai un grande dinamismo económico que a situación actual fai insostible”, indicaron os alcaldes e alcaldesas.
Todas e todos eles, independentemente da súa cor política, decidiron actuar de forma conxunta e unida fronte ao que consideran unha inxustiza no tratamento dispensado.
As rexedoras e rexedores subliñan o “agravio comparativo” que existe con respecto a outros territorios doutras rexións e provincias, como Extremadura ou Ourense, que xa teñen abertos máis pasos.
“Vese que o goberno de Extremadura se moveu convenientemente e argumentou a necesidade de permeabilizar a fronteira. Aquí, a pesares de ter argumentos sólidos de relación económica, de que pasaron 200.000 coches polo paso de Tui durante o confinamento… a Xunta non está nin se lle espera”, apuntou o director do AECT, Uxío Benítez.
Este lembrou que Alberto Núñez Feijóo está na presidencia da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal, pero non moveu ficha para defender nin ás empresas nin ás e ós traballadores transfronteirizos, e tampouco accedeu a unha cita cos responsables do propio AECT para solucionar a situación.
“Vemos que para o 1 de xullo hai previsión de apertura para o turismo internacional. Mentres, aquí traballadoras e traballadores teñen que estar a soportar rodeos de máis de 100 quilómetros diarios. Cremos que nos están a tratar como cidadáns de segunda”, afirmou Benítez.
Non se descartan novas mobilizacións coa implicación da cidadanía, xa que as e os mandatarios apostan por radicalizar as accións de manterse a situación.