A iniciativa formará en Enoloxía e Enoturismo a 20 persoas en situación de desemprego e contará coa colaboración da adega ‘Señorío de Rubiós’ que permitirá a realización da parte práctica do obradoiro

Os Concellos das Neves e Salvaterra de Miño acollerán, o vindeiro luns, 2 de outubro, a presentación do Obradoiro de Emprego ‘Viño Cultura San’ que desenvolven de xeito conxunto ámbolos dous Concellos coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia a través do seu programa de Obradoiros de Emprego.

Ás 10:30 horas terá lugar a presentación oficial do ‘Viño Cultura San’ no Concello de Salvaterra de Miño para, cara ás 12:30 horas ter lugar a presentación ─acompañada dunha cata comentada─ na adega ‘Señorío de Rubiós’ das Neves.
O obradoiro desenvolverase baixo o formato mixto de formación e emprego e terá unha duración de nove meses. Nel participarán 20 persoas en situación de desemprego e un equipo formado por cinco docentes e outorgará dous certificados de profesionalidade: ‘Elaboración de viños e licores’ e ‘Promoción turística local en formación ao visitante’.
As clases, na súa parte teórica, desenvolveranse nas aulas de Salvaterra de Miño e As Neves, mentres que na súa parte práctica terán lugar nas adegas ‘Señorío de Rubiós’.

O alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, destacou a importancia desta iniciativa de formación “que permitirá a cualificación profesional dos participantes en materias relacionadas coa Enoloxía e o Enoturismo”.

O rexedor local incidiu na importancia que para concellos cunha longa tradición vinícola, como As Neves e Salvaterra de Miño, “teñen todas as accións formativas que se desenvolven neses eidos”.

O Enoturismo, cada día máis en auxe, engadiu Rodríguez Méndez, “pode supoñer unha excelente oportunidade para o desenvolvemento económico das Neves”, polo que é imprescindible, rematou o alcalde, “contar con persoal cualificado que poida desenvolver ditos proxectos, persoal que ten a oportunidade de formarse en Obradoiros de Emprego como este que agora se pon en marcha”.