Xulio García, xerente da Área Sanitaria de Vigo, vén de confirmar ao alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, que unha enfermeira que fixo unha substitución temporal ata o mércores 25 de marzo no Centro de Saúde, deu positivo por COVID-19.
O xerente subliñou que o risco de contaxio de persoal sanitario a paciente é moi baixo, polo que non é preciso activar protocolos específicos para a poboación.
Aínda así, dende o goberno local recomendan a todas as persoas que acudiron estes días ao médico estean alerta e, no caso de presentar os síntomas do contaxio por coronavirus (febre, tose seca e/ou dificultade para respirar) chamen ao número 900 400 116.
O Concello esixirá que se activen todas os protocolos para que todas as veciñas e veciños das Neves teñan asegurada a asistencia sanitaria con garantías. Neste sentido, o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) informou da decisión de pechar o centro o vindeiro luns, día 30, para que se cumpran os tres días de observación nos que estará o persoal sanitario, que non presenta ningún síntoma da enfermidade, e levar a cabo o protocolo de seguimento establecido. O servizo de atención telefónica restablecerase a partir do martes.