A estrea deste proxecto inédito, galego e en galego, pasará polas Neves o martes 4 de agosto. A proxección, con formato de cinema na rúa, será na Praza de San Agustín a partir das 22:30 h e contará con espazo de photocall.
Coa longametraxe ‘María Solinha’, o director Ignacio Vilar (A esmorga, 2014) leva á gran pantalla a lenda dunha muller icónica, condenada pola Inquisición, cun relato que se move entre o século XVII e o XXI.
Grial Montes e Laura Míguez protagonizan a versión contemporánea da lenda dunha figura visionaria cuxo anhelo de liberdade a converteu en icona feminista. Ademais, o carismático reparto conta co nomeado ao Premio Goya Santi Prego (Mientras dure la guerra), co gañador do Premio Feroz Antonio Durán ‘Morris’ (Fariña, Dhogs) e coa veterana intérprete Mabel Rivera (Mar adentro, Los fantasmas de Goya).
O prestixioso músico lugués Abraham Cupeiro asina a música do filme, na que incorpora instrumentos milenarios coma o cárnyx ou a caracola.
A Concelleira de Cultura, Rocío Barreiro, remarca que “a proxección se realizará cumprindo con todas as medidas de seguridade e sanitarias”, e convida a asistir e gozar deste proxecto cinematográfico.