Un total de 175 alumnas e alumnos do CEIP As Neves e das Escolas Unitarias de Taboexa e Rubiós, celebraron este mércores o ‘Día Mundial da Paz’, previsto para o pasado 30 de xaneiro e que fora adiado polo mal tempo.

As rapazas e rapaces, xunto con familiares e profesores, fixeron a súa ‘Marcha solidaria’, dende a a rotonda do antigo Montesol, ata o centro de As Neves, en apoio a ‘Quilómetros de Solidariedade’, impulsado pola ONG ‘Save the Children’ a prol das nenas e nenos Rohingya.

Preto dun millón de persoas desta etnia musulmán-a metade nenas e nenos- tiveron que saír do seu país de orixe, Myanmar, e viven en situación inhumana no campamento de refuxiados de Cox Bazar, en Bangladesh. Neste lugar, o maior campo de refuxiados do mundo, soportan unhas condicións terríbeis, con carencias alimentarias, frío e humidade e falla de hixiene que facilita a propagación de enfermidades coma a difteria, o sarampelo ou o cólera.

Os estudantes de As Neves fixeron este mércores a súa andaina vestidos cuns petos que levaban uns dorsais cada un dos cales estaba ‘patrocinado’ por un adulto da súa familia: a cantidade recadada por estas achegas será ingresada a beneficio das accións que está a impulsar ‘Save the Children’ en Cox Bazar para mellorar a situación destas nenas e nenos.