A Concellería de Obras, que dirixe o primeiro tenente de alcalde das Neves, Marcelino Couto, vén de rematar varios traballos en diferentes barrios e parroquias da vila, consistentes en asfaltado, melloras, limpeza e conservación de vías, camiños e pistas e colocación de tapas no saneamento.

En conxunto, estes traballos contaron cun orzamento de 123.471€, dos cales máis da metade foi con cargo ao superávit municipal do ano anterior.

Máis polo miúdo, completáronse os  alcatranados no interior dos barrios de Vilanova, en Tortoreos, e Couto, en Rubiós, completando, ademais, a limpeza viaria das marxes e o asfaltado de “dous treitos, de ao redor de 700 metros de lonxitude que estaban en mal estado e que non se renovaran dende a súa apertura”, sinala Couto. O custe total, incluído proxecto e impostos,  foi de 33.811,42.

Tamén están finalizados os traballos de mellora nos accesos a Barrela, na parroquia de Setados, na Estación e A Porqueira, en As Neves, e no barrio de Casal, na parroquia de Vide

“Na Porqueira asfaltouse por primeira vez un camiño que da acceso ata a catro casas e así evítanse as grandes dificultades que provocaban as fochancas e charcos de auga nos momentos de chuvia”, sinala o tenente de alcalde. En Vide mellorouse o acceso a varias vivendas mediante a utilización de formigón. O custo final de todas estas obras foi de 29.913,98€.

A Concellería de Vías e Obras tamén concluíu o asfaltado de camiños na Chan, na parroquia de Tortoreos, e en Filgueira, na de Rubiós: os traballos consistiron no “re-asfaltado completo no barrio de Filgueira e varios tramos, que estaban moi estragados, na Chan”.

Ademais, tamén se realzaron as tapas de saneamento e augas, ademais do pintado das liñas que delimitan os bordes para maior seguridade.

O custe total dos traballos, proxecto e impostos foi de 59.746,50€ e a financiación foi conxunta: Concello e, nunha parte maior, por medio do Plan Marco da Consellería de Medio Rural.
 
Neste momento están en marcha as obras de mellora nos accesos a Empiade na parroquia de Cerdeira que concluirán en breve.