Para cumprir co proceso de liberación do segundo dividendo dixital, leváronse a cabo nas Neves unha serie de actuacións para realizar os cambios necesarios nos centros de cobertura do sinal de TDT.
As mesmas non causaron problemas nos televisores e decodificadores actuais de TDT, que non teñen porque cambiarse. Tampouco houbo cambios na oferta televisiva: nin perda de canles, nin canles novas, simplemente, os mesmos que se recibían cambiaron a súa frecuencia de emisión.
Ditas actuacións realizáronse o pasado 15 de xuño, no centro de TDT das Neves, en San Nomedio. Este centro presta o servizo de difusión da TDT para parte da poboación do concello. O proceso consistiu no apagamento neste centro das frecuencias de emisión do múltiple autonómico, e o acendido na nova frecuencia asignada. Canle 28 (MUX AUTONÓMICO): TVG, TVG2, GHD, G2HD.
Axustar a antena e actualizar a busca de canles
Para poder seguir vendo estas canles, os interesados deberán, en primeiro lugar, dispor da cobertura axeitada do devandito centro,podendo confirmar tanto o centro emisor como a calidade da cobertura por teléfono- chamando ao 881 866 388 – ou na web www.tdtgalicia.gal.
De seguido, bastará con realizar unha busca das novas canles no receptor de TDT. No caso das comunidades de veciños, pode ser necesario axustar a antena colectiva para asegurar a calidade da recepción.