Hai unhas semanas, o Goberno municipal das Neves mantivo contacto co xefe do Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas para tratar da retirada da torre de Fenosa, situada a carón do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e da nova Escola de Educación Infantil.

Tratábase dunha demanda altamente agardada e unha necesidade irrenunciabel nunha zona na que están o pavillón municipal de deportes e dous centros de ensino.

Finalmente, os traballos para quitar a torre están rematados e a mesma xa desapareceu deixando libre toda a área na que se atopaba. Trátase do aparcadoiro, moi transitado durante o curso escolar, que o Concello vén de reformar para facilitar a entrada e saída dos estudantes, tanto dos que se desprazan en bus como dos que o fan nos vehículos familiares.