O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, e a concelleira de Sanidade,
Pilar González, mantiveron unha reunión telemática co Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a directora de Recursos Económicos do Sergas e o Xerente da Área Sanitaria de Vigo, para avanzar na cesión ao Sergas do Centro de Saúde e a súa reforma.

Centro de Saúde

Abordouse tamén o uso polo Centro de Saúde do antigo espazo do edificio ocupado polas instalacións da Galiña Azul, que se está utilizando na actualidade para atención a pacientes con síntomas compatibles coa Covid-19, e que require dun avance na tramitación administrativa.

Accesos

Dende o Concello das Neves trasladouselles información sobre o novo proxecto de modificación do acceso ao Centro de Saúde para mellorar a seguridade na súa contorna, así como da situación na que se atopa a división horizontal do edificio necesaria para a cesión e reforma.

Julio García Comesaña comprometeuse a elaborar e enviar o plan funcional e de usos dos distintos espazos do Centro de Saúde, que permitan definir as necesidades e aprobar o proxecto de reforma.

Tempo de espera para obter cita médica

O Concello tamén solicitou información sobre o tempo de espera para obter unha cita médica, así como do tema das citas telefónicas. O xerente da área sanitaria de Vigo comunicou que, a día de hoxe, preto dun 40% das citas son presenciais e que as citas telefónicas só se manterán
nos casos nos que o persoal médico e as e os pacientes as consideren suficientes.

Citas telefónicas

Ante a insistencia do alcalde e da concelleira de Sanidade, os representantes do SERGAS compreometéronse a facer unha revisión da actual situación na atención presencial e telefónica do centro.