Este sábado o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, mantivo unha xuntanza urxente coa alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, o alcalde de Arbo, Horacio Gil, e o alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, para tratar da decisión do Consello de Ministros de Portugal que autoriza a reapertura, dende o vindeiro luns, 4 de maio, da pesca tradicional nas pesqueiras na beira esquerda do río Miño.
Logo de coñecer esta decisión polos medios de comunicación, a alcaldesa e os alcaldes enviaron unha carta ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, na que solicitan que se permita a reapertura da tempada da pesca da lamprea nas ‘Pesqueiras’ do treito internacional do Miño, argumentando que é unha actividade tradicional orientada ao consumo propio.
Esta actividade é perfectamente compatíbel coas normas postas en marcha no eido da crise sanitaria do Covid-19: as mesmas permiten os desprazamentos persoais para a cría e coidado de animais, ou traballo nas hortas sempre que sexan para autoconsumo.
Tendo en conta este feito, a alcaldesa e os alcaldes piden ao Goberno do Estado que autorice aos pescadores a acudir ás ‘Pesqueiras’ e as estacadas, cumprindo sempre coas ordes e recomendacións ditadas polas autoridades sanitarias.