Ante o abandono do monte, a inacción do home e o deterioro do chan xorde o proxecto “Son de Monte” impulsado por seis Grupos de Desenvolvemento Local (GDR) de Galicia, que se unen nesta iniciativa ao entenderen que o aproveitamento dos recursos naturais é o mellor xeito de coidar os montes e o rural galego.Somos unha afirmación de optimismo que quere ser bandeira dunha vida digna no rural”.

Este proxecto de cooperación financiado polo Programa Leader Galicia 2014-2020 bota andar cunha serie de xornadas, unha delas a celebrada hoxe nas Neves, que se prolongarán durante este ano e o vindeiro para poñer en marcha diferentes experiencias nas que cada GDR traballará nunha temática concreta de xestión do monte.

Así, mentres o Condado Paradanta se centra nas estratexias de recuperación dos montes queimados, tanto dende a vertente de danos materiais como na repercusión social e emocional, o Eurural traballará coas comunidades educativas en crear unha guía didáctica de concienciación cos montes, Limia Arnoia na posta en valor de determinadas especies para o seu aproveitamento forestal, Mariña Betanzos na posta en valor do monte dende o punto de vista paisaxístico, Seitura 22 no aproveitamento agroforestal para sistemas ecosostibles e Vales Orientais de Lugo no aproveitamento do colmo das súas tradicionais pallozas.

Hoxe, en Taboexa

Todo isto expúxose esta mañá no Centro de Interpretación do Patrimonio e Cultural de Taboexa, nunha xornada na que participaron unhas 40 persoas procedentes destas seis zonas da Comunidade e na que deron a benvida o presidente da Comunidade de Montes de Taboexa, Óscar González; o presidente do GDR Condado Paradanta, Pablo Castillo e o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez.

O xerente do GDR Condado Paradanta, Paco González, foi o encargado de presentar o proxecto e os seus obxectivos remarcando “a unión dos diferentes grupos por un ben común, a posta en valor dos nosos montes”, concienciando nos diferentes usos “recreativos, deportivos, micolóxicos, paisaxísticos… máis alá do forestal”. Incidiu en que “traballaremos conxuntamente nesta problemática, cada un dende unha perspectiva diferente, para acadar a creación dunha rede de centros de valorización do monte e dunha guía de boas prácticas en cada unha desas seis temáticas”.

Plantación na lembranza dos lumes de 2017

Coincidindo a data de hoxe co dos lumes devastadores de outubro de 2017 procedeuse a, dun xeito simbólico, plantar seis árbores, especies autóctonas: loureiro, carballo, abeleira, castiñeiro, acevo e cerdeira.

A continuación os participantes na xornada fixeron unha andaina e visita guiada aos petróglifos da Coutada, na mesma parroquia de Taboexa, os cales precisamente se descubriron logo dos lumes e foron recuperados e postos en valor cun proxecto do Concello das Neves financiado polo Programa Leader Galicia 2014 – 2020.

Previa á saída houbo dúas palestras, nunha o psicólogo Xavier Macías e a mestra Sabela Lahuerta falaron do proxecto de voluntariado Zona Cero, que logo de catro anos continúa a día de hoxe sobre todo moi vinculado a iniciativas coa comunidade educativa.

Na segunda, a enxeñeira técnica agrícola Alejandra González presentou outro proxecto, nado precisamente a raíz do grupo de voluntariado, relacionado coa rexeneración ambiental e a concienciación social, a través do cal se fan sendas botánicas e plantacións nos centros educativos, entre outras accións de posta en valor dos montes.