O Concello das Neves vén de asinar un convenio coa Asociación Avelaíña para desenvolver un programa denominado “Servizo de Información e Asesoramento en Saúde Mental”. Trátase dun programa de Prevención da Exclusión Social que consiste nun conxunto de actuacións dirixidas a dar resposta ás demandas da poboación en relación coa saúde mental, mellorando así a súa calidade de vida.

A crise sanitaria polo COVID-19 está a supoñer un agravamento dos problemas de saúde mental na poboación xeral, e o acceso á atención da saúde mental no noso concello e na nosa contorna é moi limitado. Estes feitos motivaron o obxecto de subscrición deste convenio, que establece as bases de colaboración entre o Concello das Neves e a Asociación Avelaíña.

Trátase de fomentar a información sobre os diferentes recursos e/ou procedementos vinculados á saúde mental, e asesorar ou poñer en contacto co persoal idóneo que poida atender a cada problemática particular, co obxectivo final de favorecer a mellora das persoas e a súa integración social comunitaria.

As actividades a desenvolver serán:

– Recepción de demandas e recollida de información.

– Información e asesoramento en función da demanda.

– Coordinación con outros recursos.

– Derivación a outros recursos/servizos.

As persoas beneficiarias da atención serán aquelas con necesidades de información en saúde mental, podendo ser persoas con problemas de saúde mental, familiares, persoas coidadoras e profesionais do ámbito sanitario, social e educativo así como calquera veciña ou veciño do Concello das Neves.

Para solicitalo, as veciñas e veciños das Neves poden contactar con Servizos Sociais chamando ao teléfono 986 66 71 34 ou escribindo un correo electrónico a servizossociais@asneves.gal.

O servizo funcionará entre os meses de marzo e decembro, e ofrecerase un día ao mes, en horario de mañá, nas dependencias de Servizos Sociais.