Dentro das accións postas en marcha polo Concello das Neves para complementar as medidas fronte á pandemia de coronavirus, xa están en funcionamento a organización de quendas de persoal para atender o Concello e Servizos Sociais, (a porta pechada), recollida de lixo, limpeza así coma outros traballos no exterior, coma reparacións ou transporte de alimentos.
Subministración de alimentos e medicinas
Do mesmo xeito organizouse a actividade do Banco de Alimentos, mercando e repoñendo o imprescindible para subsistir estes días así coma o programa de entrega de comida, medicinas, “e outras necesidades urxentes na casa, a aquelas veciñas e veciños que as soliciten”, subliña a concelleira de Ensino e Benestar Social, Pilar González Casas.
Seguimento de veciños e veciñas maiores que viven soas
Nesta liña, o Concello, que vén de incorporar ao cadro de persoal de Servizos Sociais dúas persoas. Está a facer un seguimento telefónico de persoas maiores que viven soas e, “a diario, das que están sendo atendidas dende Servizos Sociais e as usuarias e usuarios do Centro de Día”.
Atención Temperá e Compartir e Vivir
O Concello mantén operativo telemáticamente o Servizo de Atención Temperá que está en funcionamento de 8 da mañá a 3 da tarde.
Na mesma liña, segue adiante, o programa de atención personalizada telefónica para as persoas integradas nos grupos sociocomunitarios das parroquias, de tal xeito que no que atangue ao programa “Compartir e Vivir”, haberá contacto cos seus participantes o luns, día 23, de 11:30 a 12:30h. polo que se refire ás veciñas e veciños de Setados; no mesmo horario, o martes, 24, aos participantes de San Cibrán e o xoves, 26, aos de Liñares.
No que se refire ao ‘Obradoiro de busca de Emprego’, o profesor segue a facer seguimento telefónico, e por correo electrónico, das tarefas dos seus compoñentes, e corríxense tarefas enviadas, coma curriculos ou cartas de presentación.
Seguimento do Centro de Saúde
A concelleira de Ensino e Benestar Social está a facer un seguimento “diario” sobre a necesidades, situación e funcionamento do Centro de Saúde. En relación con varias comunicacións de usuarios do mesmo, dende o propio centro sinalan que no caso das prescricións de ‘Sintrón’, os pacientes están a ser citados cada 10 minutos, cada un na consulta da súa enfermeira e médico, e se lles da o resultado de inmediato para que permanezan o menor tempo posible no centro, polo que en ningún momento hai xuntas na sala máis de dúas persoas e mantendo sempre a distancia de 2 metros entre elas e, por suposto, previa desinfección das mans.
Comunicación a Xunta e Goberno do Estado
Seguindo a necesidade de coordinación das actuacións e iniciativas das distintas administracións, o Concello das Neves informa puntualmente á Xunta de Galicia da medidas adoptadas a nivel local e, neste mesmo eido, xa ten enviado ao Goberno do Estado o ‘cuadrante’ de dispoñibilidade de espazos no que se refire ao Centro de Día.
Outras accións sobre as que se está a traballar