Diante da pandemia do COVID-19, debemos contribuír a conter a expansión do virus atendendo as indicacións das autoridades sanitarias e cumprindo as obrigas derivadas da aplicación do RD 463/2020.
Van ser días longos, nos que se xerará estrés e malestar psicolóxico. Por iso é aconsellable que sigamos unhas pautas para frear ou atenuar os efectos negativos deste período de confinamento.
Velaquí un breve programa a modo de suxestión:
1. Evitar o exceso de información
Só nos informaremos nun momento concreto do día (de mañá, de tarde ou de noite). O resto do tempo ocuparémolo en actividades non relacionadas co tema.
2. Pensamento positivo
Debemos esquecer que non nos deixan saír e centrarnos en que estamos facendo un ben para a sociedade.
3. Utilizar a tecnoloxía.
Manter o contacto coas persoas que máis queremos cos medios tecnolóxicos que temos ao noso alcance.
4. Manter unha actitude activa
Complementar o tempo diante dunha pantalla con exercicios que nos permitan manter unha certa actividade física.
5. Planear unha rutina diaria
Deseñada por nós. Debe incluír un horario de traballo/estudo, orde/limpeza da casa, comidas, exercicio e descanso.
6. Axudarse mutuamente
Reunirnos e tomar conciencia das dificultades que poden supoñer estes días a nivel psicolóxico. Acordar que imos colaborar e apoiarnos para pasalos do mellor xeito posible.
Neste tempo na casa, podemos aproveitar para parar e pensar. É unha boa ocasión para crear redes de solidariedade veciñal a través dunha reflexión conxunta sobre o modelo social que desexamos:
• Este é o modelo social no que nos gustaría vivir?
• Cales son os piares básicos do modelo social que queremos?
Propoñemos unha serie de temas para a reflexión e para compartir suxestións de películas, libros, etc. que nos axuden a afondar sobre eles.
Como punto de partida incluiremos exemplos de películas e/ou documentais en cada un dos temas para dar pé a facer o que se adoita chamar cinefórum, pero desta volta, na casa.
Os temas e algúns filmes que encaixan en cada un deles son os seguintes:1. Ecoloxismo e Soberanía alimentaria.
- Comprar, tirar, comprar (Documental, Cosima Dannoritzer, 2010).
Podes velo aquí: https://bit.ly/2XrvVi9- Home (Documental, Yann Arthus-Bertrand ,2009)
Podes velo aquí: https://bit.ly/3efRAQz- As Encrobas (Documental, Xosé Bocixa, 2007)
- En todas as mans (Documental, Diana Toucedo, 2015)
2. As migracións.
- Galego (Longametraxe, Manuel Octavio Gómez, 1988)
- El tren de la memoria (Documental, Marta Arribas e Ana Pérez, 2005) Podes velo aquí: https://bit.ly/2yVbxvN
- Refugiado (Longametraxe, Diego Lerman, 2014)
- Adú (Longametraxe, Salvador Calvo, 2020)
3. Educación e Non violencia.
- Unitarias. Historia dun mestre galego (Documental, Jorge Algora, 2015) Podes velo aquí: https://bit.ly/Unitarias
- Profes: La buena educación (Longametraxe documental, Giovanna Ribes, 2016) Podes vela aquí: https://bit.ly/PROFES
- Profesor Lazhar (Longametraxe, Philippe Falardeau, 2011)
- La vida es bella (Longametraxe, Roberto Benigni, 1997)
4. Feminismo e Diversidade.
- Tódalas mulleres que coñezo (Documental, Xiana do Teixeiro, 2018)
- Quiero ser como Beckham (Longametraxe, Gurinder Chadha, 2002)
- Pride (Longametraxe, Matthew Warchus, 2014) Podes vela aquí: https://bit.ly/3cfTIWF
- Elisa y Marcela (Longametraxe, Isabel Coixet, 2019)
Agora tócache a ti opinar e compartir as túas propostas de filmes, libros, conferencias, etc., ou mesmo aportas textos propios nos que expreses a túa visión do tema do que falamos.