O distrito forestal XVII e o Concello das Neves veñen de impulsar este proxecto que se está a desenvolver cun orzamento total de 391.960,13€, xestionado pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e que permitirá actuar en 135,69 hectáreas distribuídas nos montes das CMVMC de Taboexa, San Xosé de Ribarteme, Cerdeira, Rubiós e Tortoreos.
Os traballos que se realizarán inclúen:
Retirada de tocóns de eucalipto para plantación de frondosas ou coníferas segundo os casos. Arranque con retroescavadora hidráulica con apoio de tractor de cadeas. A operación abrangue a estabilización e nivelado do solo para a apertura mecanizada dos buratos de plantación.
Plantación de bidueiros, freixos, castiñeiros, sobreiras e carballos con densidades de 625 pés/ha a marco real de 4×4 metros e plantacións de piñeiro do país con densidades de 1.430 pés/ha a marco de 3,5×2 metros sobre o terreo preparado previamente.
Clareo sistemático no rexenerado natural de piñeiro do país. Abriranse rúas nun 75% da superficie de xeito mecanizado, clareando manualmente con motorozadora a fileira dun 25% da superficie. Os restos quedarán totalmente triturados para a súa incorporación ao solo, e cumprindo as necesidades para o impedimento da propagación do Bursaphelenchus segundo a prescrición da normativa en vigor no momento da realización dos traballos.
Actualmente estase actuando simultaneamente en Cerdeira, San Xosé e Rubiós; e a execución dos traballos está a ser supervisada polo Tenente de Alcalde e Concelleiro de Medio Ambiente, Óscar González.