En total, 20 persoas desempregadas de Ponteareas e As Neves comezaron hoxe no Centro de Desenvolvemento Local de Ribadetea a súa andaina formativa no curso ‘Coidar de Nós IV’, un obradoiro dual que permitirá ofrecer unha oportunidade laboral á veciñanza, mellorando a súa empregabilidade,  a súa inserción laboral e as súas posibilidades de futuro.

Así o destaron a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e o  alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, que estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.

9 meses de formación

Este taller de emprego dual terá unha duración de nove meses e contará cun investimento de arredor de 375.000 euros e distribúese en dous módulos diferenciados, un de Atención Sociosanitaria, con prácticas centradas no coidado de persoas dependentes a domicilio, e outro de Actividades Auxiliares e Conservación e Mellora de Montes, que actuará no Parque Forestal da Picaraña de Ponteareas e no Chan de Vide das Neves.

Xunto ás ensinanzas teórico-prácticas, as persoas participantes poderán realizar prácticas en empresas da contorna grazas ao formato dual da formación.