O Concello vén de facer balance do uso e da eficiencia da aplicación de rexistro de incidencias ‘Línea Verde As Neves’ que lanzou o día 1 de xuño.

En dous meses e medio, rexistráronse arredor de 600 incidencias das cales, o 80% xa foron resoltas. Dende a área de Innovación Tecnolóxica valoran moi positivamente estas cifras, “tanto pola participación veciñal como pola axilidade coa que se xestionan e resolven as incidencias, dun xeito máis rápido e coordinado”.

Comunicación de calquera incidencia en tempo real

Lembran que a aplicación permite comunicar ao Concello en tempo real e empregando o teléfono móbil, calquera problema que se vexa na vila, só facendo unha fotografía.

Deste xeito, é posible informar de calquera avaría, dano, atranco ou perigo que se atope en calquera lugar do concello e que teña que ver co alumeado, abastecemento, saneamento, estradas, camiños e pistas urbanas e rurais, lixo e limpeza, compostaxe, punto limpo ou áreas de lecer e de deportes.

Do mesmo xeito, se poden rexistrar incidencias que atanguen a fontes e lavadoiros e sinalizacións de tráfico, ou mesmo denunciar casos de acoso escolar e violencia machista e alertar de situacións de risco social ou sanitario.

Consultas e respostas personalizadas en 24 horas

A través da APP pódese pedir información sobre medio ambiente, realizar consultas e obter respostas personalizadas en 24 horas, solicitar a recollida de residuos, buscar información sobre puntos de interese das Neves ou acceder a outros servizos municipais como o de Turismo, Patrimonio, Urbanismo ou Edificios Públicos.

Comunicación, alertas e novas no teléfono móbil

Os veciños e veciñas que o desexen, poden recibir no seu teléfono todas as comunicacións, novas de actualidade e alertas que o Concello publique nas súas redes sociais e participar, tamén, en consultas e enquisas que se fagan dende a administración municipal.

O segundo Tenente-Alcalde e responsable da área de innovación tecnolóxica, Óscar González, anima a quen non o fixera aínda, a descargar e empregar esta aplicación, que está dispoñible na Play Store para teléfonos Android e na AppStore para teléfonos iPhone.