O Consello escolar, a dirección do centro, a ANPA, o Concello e o alumnado do IES Pazo da Mercé de As Neves denuncian que, logo dun mes de clase, a Consellería de Educación segue sen lles dar solución a graves problemas que afectan directamente tanto á calidade do ensino coma á seguridade.

En anos anteriores, o noso alumnado desprazábase os luns ao CEIP Marquesa do Pazo para facer uso do comedor, de maneira que, a xornada lectiva dese día incluía tamén clases pola tarde. Este curso decidiuse eliminar este servizo para evitar riscos (autobús, falta de espazo no comedor…). Polo tanto, isto obrigou a modificar o horario escolar, de xeito que esas dúas horas da tarde se engadiron como última hora nas xornadas do luns e do venres (9:00-15:20) Esta modificación, aprobada polo Inspector Xefe a primeira semana de setembro, segue sen poder levarse a cabo por falta de transporte escolar.

Ocorre que un grupo de estudantes do centro empregan un autobús de liña regular. Agora, coa modificación de horario, os luns e os venres terían que agardar máis de unha hora polo transporte. Para evitar que uns menores estiveran abandonados tanto tempo e sen comer, a dirección do centro decidiu rematar as clases as dúas e media (coa merma educativa que iso supón pois perden dúas horas lectivas semanais) pensando que a solución ao problema sería rápida. Non obstante, aínda que desde hai máis de un mes o centro leva realizando numerosas xestións e presentando diferentes solucións ao conflito, desde a Consellería non se nos ofrece ningunha saída e o que é peor, o problema non ten trazas de se resolver nunha data próxima.