A Deputación de Pontevedra vén de sacar a licitación a mellora da mobilidade peonil da EP-4006 Ponteareas-As Neves. As actuacións teñen un orzamento de 117.400 euros e con elas acondicionaranse 120 metros de estrada na contorna da rotonda que comunica coa EP-4202, situada no concello das Neves.
Prioridade aos peóns
Con estas obras, a institución provincial aposta por darlle prioridade ao tráfico peonil ao incrementar o espazo ocupado polas beirarrúas á vez que mellora a seguridade viaria mediante a reordenación dos accesos á rotonda e ao apartadoiro do autobús. As empresas que desexen levar a cabo este proxecto poden presentar as súas ofertas ata o 30 de novembro.
Rotonda renovada
Máis polo miúdo, contémplanse actuacións na devandita rotonda, que contará con dous carrís de circulación de catro metros e unha beiravía exterior de 0,5 metros, así como a instalación dunha nova marquesiña e da sinalización horizontal e vertical correspondente.
Recollida de augas, pluviais e alumeado
Do mesmo xeito procederase á reposición dos servizos de recollida de augas pluviais e alumeado público con luminarias LED, máis respectuosas co medio ambiente. Tamén se acondicionarán as zonas verdes, rotonda e illotes con terra vexetal e céspede e ao longo das beirarrúas distribuiranse nove árbores e catro bancos de granito.