Os alcaldes de Arbo, Horacio Gil, e das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, mantiveron este mércores, día 10, unha reunión on line co director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Ismael Aznar, para tratar, de novo, o proxecto da Liña de Alta Tensión (LAT 400K) que afecta aos dous concellos.

Aznar transmitiu aos dous alcaldes que aínda non hai resolución sobre o trazado final da liña Fontefría-Fronteira Portuguesa, para a cal existen dúas alternativas que afectarían, ben ás parroquias de Sela e Barcala, en Arbo, ou á de Vide nas Neves. En calquera das dúas opcións, a liña pasaría a poucos metros das casas, co risco conseguinte para a saúde dos seus habitantes, ademais do dano no medio ambiente, o prexuízo para a viticultura e o efecto na paisaxe da zona. 

A decisión, antes de finais de ano

O director xeral adiantou que habería unha decisión antes de finais deste ano, unha vez que rematen o estudos de impacto ambiental, e comprometeuse a manter, daquela, unha nova xuntanza cos dous concellos para para explicarlles as razóns da mesma, mentres que quedou sobre a mesa implementar o estudo de características técnicas que poidan mellorar a seguridade do tendido, en especial nos treitos que pasen preto das vivendas.

Oposición frontal dos dous concellos

Horacio Gil e Xosé Manuel Rodríguez, reiteraron a oposición de Arbo e As Neves aos dous posíbeis trazados, e insistiron nas alegacións presentadas, así como na demanda, repetida nos últimos anos, dos veciños e veciñas das dúas vilas. Así mesmo, lamentaron que, neste momento non haxa outras alternativas a estes dous proxectos e amosaron a súa preocupación polo feito de que o Goberno español non se teña manifestado en relación coa decisión, reiterada hai poucas semanas, polo Goberno de Portugal de manter o trazado da Alta Tensión por Sela.