Un día máis, seguimos sen ter casos positivos de coronavirus, se ben hai unha persoa que vive en Ponteareas, que ten o médico de cabeceira nas Neves, e o Servizo Galego de Saúde (Sergas) llo imputa ao noso concello.

Polo que ten que ver co material de protección, este luns dende o Concello recollemos 20 batas e 150 mascarillas en Ponteareas. Tamén pantallas doadas por Abril Publicidade, de Salvaterra, e por Talleres Almudena, de Taboexa.

Hoxe entregáronse 10 batas e mascarillas ao persoal do Centro de Saúde, ás farmacias e ao persoal de limpeza do Concello e este martes faremos chegar 20 batas e mascarillas á coordinadora de Atendo, a empresa que fai o servizo de atención no fogar nas Neves.

No Concello estamos a recibir moitas doazóns de alimentos, despois da creación da iniciativa do Banco de Alimentos colaborativo e, ademais, hai un grupo de 20 persoas cosendo mascarillas e batas nas súas casas. Para mover este material, Uniprinter e Abril (empresas de Salvaterra) doaron bolsas, que nos facilitan o traslado do material.

Estas iniciativas amosan a xenerosidade das veciñas e veciños, a súa solidariedade e entrega, da que nos sentimos orgullosos e moi agradecidas e agradecidos.