Blog

18 Mar
0

Selección de condutor-tractorista

O Concello das Neves lanza o proceso de selección dun posto temporal de condutor/a-tractorista oficial de primeira.

As persoas interesadas dispoñen de 5 días naturais (dende a publicación do anuncio) para presentar as súas solicitudes. Toda a información e requisitos poden consultalas nas seguintes bases.

Bases:

BASES DE SELECCIÓN E CONTRATACIÓN PARA CUBRIR UN POSTO DE CONDUTOR-TRACTORISTA

ANEXO I. SOLICITUDE

ANEXO II

NOMEAMENTO DA COMISIÓN DE SELECCIÓN

LISTADO DEFINITIVO DE CANDIDATOS PARA UN POSTO DE CONDUTOR-TRACTORISTA (OFICIAL DE 1ª) E DATA DE REALIZACIÓN DA PROBA PRÁCTICA

RESULTADO DA SELECCIÓN PARA UN POSTO DE CONDUTOR-TRACTORISTA

Anuncio:

Anuncio Faro de Vigo 07/03/2021

Ler Máis
17 Mar
0

O Concello das Neves esixe a Telefónica melloras na implantación da fibra óptica

O pasado luns o Alcalde, Xosé Manuel Rodríguez e o Concelleiro de Servizos e responsable de innovación tecnolóxica, Óscar González; mantiveron unha xuntanza telemática coa dirección de Galicia de Telefónica. Nela tratáronse os detalles da situación da instalación da fibra óptica a día de hoxe e das previsións futuras.

Existen lugares nos que xa hai posibilidade de conexión, cinco en total na actualidade, noutros doce a haberá ao longo deste ano 2021, en 9 máis en 2022 e nos nos restantes aínda non está prevista a súa instalación.

Malestar

O alcalde mostrou o seu malestar pola lentitude no despregue e a súa formulación:  polos lugares e porque esa priorización, que nalgúns casos ten ningún razoamento lóxico, xa que, por exemplo, non teñen en conta a existencia ou non de empresas.

Detectouse que Telefónica traballa con moitos enderezos erróneos o que ás veces imposibilita a contratación do servizo polo que o Concello vai enviarlle de oficio un listado actualizado de enderezos vinculado ás referencias catastrais dos edificios ou vivendas.

Xestión ante o Goberno do Estado

Ao mesmo tempo, o Goberno Municipal das Neves vai contactar co Ministerio de Economía para forzar un despregue máis veloz e influír nas decisións sobre extensión da fibra para que se teña en conta con prioridade zonas con empresas, zonas poboadas, zonas onde residen escolares e zonas onde a análise de cobertura, feita polo Concello das Neves, indica valores moi malos en ADSL ou incluso en cobertura de datos móbiles

Ler Máis
15 Mar
0

As Neves mellorou as infraestruturas en Setados, Tortoreos e Vide cunha achega de 85.000€ da Deputación

Un investimento de máis de 85.000 euros da Deputación de Pontevedra permitiu mellorar infraestruturas municipais das que gozan os veciñas e veciños das parroquias de Setados, Vide e Tortoreos.

As obras foron supervisadas hoxe polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Marcelino Couto, o segundo  tenente de alcalde, Óscar González, a e a deputada de Cohesión Social, Olga García Ballesteros.

Actuacións en Setados, Tortoreos e Vide

As actuacións permitiron a pavimentación dos camiños de A Igrexa, na parroquia de Setados e A Carrasqueira na parroquia de Vide. Estas dúas actuacións foron licitadas por importe duns 36.500€. A maiores fíxose unha actuación de pavimentación e tamén de saneamento ao lugar de Reguengo na parroquia de Tortoreos, cun investimento doutros 49.000€.

Plan Concellos

Santos Héctor recalcou a importancia que teñen este tipo de obras para mellorar o estado dos camiños no rural da provincia de Pontevedra. “Son actuacións que veñen a demostrar a flexibilidade do Plan Concellos, que se adapta perfectamente a tódalas necesidades e que aquí se traduciron nunha maior calidade para a mobilidade da veciñanza no rural”. “Sabemos que As Neves crece e incorpora poboación e para que poida seguir combatendo o despoboamento hai que facer máis actuacións como estas”.

Obras esenciais para as Neves

O alcalde salientou que hai “un antes e un despois” dende o cambio no Goberno na Deputación no ano 2015.  “Agora hai un caudal de diñeiro que é esencial para As Neves; sen o Plan Concellos estariamos limitados e gracias a el somos libres; así que moitas gracias por participar no desenvolvemento de As Neves”.

O alcalde puxo en valor o traballo do tenente de alcalde, Marcelino Couto, “de xeito silencioso”, para ir resolvendo os problemas nas vías públicas. Ao respecto da pavimentación e o saneamento en O Reguengo, subliñou que trátase dunha obra con “valor simbólico, pois era unha obra postergada durante anos e un compromiso, o igual que as outras obras en Setados e Vide”.

A Igrexa en Setados

O camiño de A Igrexa, en Setados, conta cunha lonxitude de 180 metros e un ancho medio de 4 metros, que quedou perfectamente pavimentado. As máquinas tamén acondicionaron un ramal de 75 metros.

Carrasqueira en Vide

Pola súa banda o camiño na Carrasqueira con Vide, conta cunha lonxitude de 230 metros e un ancho medio de 3,6 metros. Para as obras realizouse unha limpeza e preparación da superficie, corte e fresado das áreas máis deterioradas do anterior firme e aplicación dunha nova capa de rodadura con base de 1 centímetro e outros 5 centímetros de aglomerado en quente, garantindo así a duración da mellora. Finalmente, pintáronse os bordes.

O Reguengo en Tortoreos

No lugar de O Reguengo pavimentouse o camiño, de 250 metros de lonxitude e ancho de 4,2 metros, así como un ramal de 30 metros de longo. A maiores dotouse á zona dun colector principal de saneamento de 225 metros e outro secundario de 30 metros ata a conexión coas acometidas das vivendas. Foi necesario executar un muro para conter un noiro inestable no último tramo.

6,5 millóns dende o ano 2015

O investimento total da Deputación de Pontevedra en As Neves, desde o ano 2015, supera os 6,5 millóns de euros. Este ano, no marco do Plan Concellos recibe 557.000 euros. 

Dende o ano 2015 As Neves foi quen de executar 52 obras con cargo ao Plan Concellos que, en gran parte, serviron para mellorar os servizos no rural.

A maiores, obtivo financiamento para a mellora da rúa de Rosalía de Castro (328.000 euros do plan DepoRemse) e para a ampliación do centro cultural de Rubiós (399.000€ do Plan de Reequilibrio).

O Concello puido contratar tamén a 86 persoas desempregadas para desempeñar traballos temporais en servizos municipais con cargo ao Plan Concellos. Este mesmo ano acolle a 10 traballadores/as.

Ler Máis
15 Mar
0

As Neves súmase este 20 de marzo ao ‘Día Internacional da Narración Oral’

No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz, unha manifestación artística tamén denominada contacontos.

Celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia hai case trinta anos, e foise estendendo a outros países.

No 2021 os narradores e narradoras galegas súmanse a esta celebración mundial contando na nosa fala por diferentes lugares do país de xeito simultáneo, conscientes de que, nestes tempos de illamento, as historias axudan a identificarse e a reconciliarnos coa condición humana, e
mesmo acompañan a quen se sente só, desvalido ou, simplemente, a quen precisa rir e celebrar.

Este Día Internacional da Narración Oral en Galicia está organizado polo Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, coa colaboración do Festival de Narración Oral de Pontevedra “Sete Falares” e do Festival “Falando a Boca Chea” da Coruña, así como coa participación do colectivo
de narradoras e narradores orais de Galicia, NOGA.

Para conmemorar o día, a escritora Fina Casalderrey elaborou un manifesto a petición das entidades organizadoras.

Sesión de contadas para adultos, nas Neves

O Concello das Neves, a través da Concellería de Cultura, colabora na celebración deste evento cunha sesión de contadas para público adulto (recomendado para maiores de 14 anos) da man da narradora oral Lorena Pinheiro, que relatará historias de vergoñas, silencios e rebeldías.

Será o sábado 20 de marzo ás 12:00 h na Biblioteca Municipal. O aforo estará  limitado e será de aplicación o protocolo antiCovid-19.

Ler Máis
14 Mar
0

Servizo de Información e Asesoramento en Saúde Mental

O Concello das Neves vén de asinar un convenio coa Asociación Avelaíña para desenvolver un programa denominado “Servizo de Información e Asesoramento en Saúde Mental”. Trátase dun programa de Prevención da Exclusión Social que consiste nun conxunto de actuacións dirixidas a dar resposta ás demandas da poboación en relación coa saúde mental, mellorando así a súa calidade de vida.

A crise sanitaria polo COVID-19 está a supoñer un agravamento dos problemas de saúde mental na poboación xeral, e o acceso á atención da saúde mental no noso concello e na nosa contorna é moi limitado. Estes feitos motivaron o obxecto de subscrición deste convenio, que establece as bases de colaboración entre o Concello das Neves e a Asociación Avelaíña.

Trátase de fomentar a información sobre os diferentes recursos e/ou procedementos vinculados á saúde mental, e asesorar ou poñer en contacto co persoal idóneo que poida atender a cada problemática particular, co obxectivo final de favorecer a mellora das persoas e a súa integración social comunitaria.

As actividades a desenvolver serán:

– Recepción de demandas e recollida de información.

– Información e asesoramento en función da demanda.

– Coordinación con outros recursos.

– Derivación a outros recursos/servizos.

As persoas beneficiarias da atención serán aquelas con necesidades de información en saúde mental, podendo ser persoas con problemas de saúde mental, familiares, persoas coidadoras e profesionais do ámbito sanitario, social e educativo así como calquera veciña ou veciño do Concello das Neves.

Para solicitalo, as veciñas e veciños das Neves poden contactar con Servizos Sociais chamando ao teléfono 986 66 71 34 ou escribindo un correo electrónico a servizossociais@asneves.gal.

O servizo funcionará entre os meses de marzo e decembro, e ofrecerase un día ao mes, en horario de mañá, nas dependencias de Servizos Sociais.

Ler Máis
14 Mar
0

Admisión novo alumnado no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé para o curso 2021-22

Do 1 ao 20 de marzo ábrese o prazo de solicitude para o alumnado que vaia a escolarizarse en 4º de Educación Infantil (3 anos) e para o alumnado que desexe cambiar de centro e  escolarizarse en cursos de Educación Infantil ou Educación Primaria sempre que haxa prazas libres. 

Toda a información e os impresos poden atoparse en: http://www.edu.xunta.gal/centros/ceippazodamerce/?q=node/166

 

Ler Máis
10 Mar
0

Traballos de recuperación forestal en Taboexa, Rubiós, San Xosé de Ribarteme, Cerdeira e Tortoreos

O distrito forestal XVII e o Concello das Neves veñen de impulsar este proxecto que se está a desenvolver cun orzamento total de 391.960,13€, xestionado pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e que permitirá actuar en 135,69 hectáreas distribuídas nos montes das CMVMC de Taboexa, San Xosé de Ribarteme, Cerdeira, Rubiós e Tortoreos.

Os traballos que se realizarán inclúen:

Retirada de tocóns de eucalipto para plantación de frondosas ou coníferas segundo os casos. Arranque con retroescavadora hidráulica con apoio de tractor de cadeas. A operación abrangue a estabilización e nivelado do solo para a apertura mecanizada dos buratos de plantación.

Plantación de bidueiros, freixos, castiñeiros, sobreiras e carballos con densidades de 625 pés/ha a marco real de 4×4 metros e plantacións de piñeiro do país con densidades de 1.430 pés/ha a marco de 3,5×2 metros sobre o terreo preparado previamente. 

Clareo sistemático no rexenerado natural de piñeiro do país. Abriranse rúas nun 75% da superficie de xeito mecanizado, clareando manualmente con motorozadora a fileira dun 25% da superficie. Os restos quedarán totalmente triturados para a súa incorporación ao solo, e cumprindo as necesidades para o impedimento da propagación do Bursaphelenchus segundo a prescrición da normativa en vigor no momento da realización dos traballos.

Actualmente estase actuando simultaneamente en Cerdeira, San Xosé e Rubiós; e a execución dos traballos está a ser supervisada polo Tenente de Alcalde e Concelleiro de Medio Ambiente, Óscar González.

Ler Máis
09 Mar
0

O Concello remata a primeira fase de reparación da estrada de Casal da Vila ao Marquiño

A Concellería de Vías e Obras das Neves, que dirixe o primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, vén de rematar a primeira fase da reparación da estrada de Casal da Vila ao Marquiño.

Trátase dunha mellora que vén de realizarse cun proxecto e financiamento de hai 2 anos, debido a problemas no proceso de adxudicación da obra. “A vía xa sufriu un empeoramento que non estaba previsto inicialmente, polo que se proxecta xa unha seguinte actuación para deixala en condicións óptimas“, subliña Marcelino Couto.

Preto de 4 quilómetros

A actuación realizouse ao longo de 3,6 quilómetros, nunha vía que dá servizo ás parroquias de San Xosé de Ribarteme e Cerdeira, “mellora tamén o acceso As Neves e o desprazamento cara a autovía A-52 pola zona do Pousadouro”, engade Couto, quen reitera a importancia desta actuación e a súa complexidade . O orzamento total foi de 55.568,67€, financiados na súa totalidade con fondos propios do Concello.

 

O alcalde e o Tenente de Alcalde, acompañados por técnicos, estiveron no lugar para avaliar e valorar as actuacións da seguinte fase de reparación. 

Ler Máis
08 Mar
0

A Casa da Xuventude aberta nas tardes das fins de semana

A Casa da Xuventude estará aberta de venres a domingo en horario de 17:00 h a 21:00 h.

???????? Ollo! o aforo está limitado a 20 persoas non podendo formarse grupos de máis de catro persoas.

✅ Por suposto no interior hai que segur en todo momento as medidas de seguridade anti-Covid. 

Ler Máis
08 Mar
0

Plan de hostalaría segura

O Concello lembra ao sector da hostalaría que debe implantar un plan de hostalaría segura.

O Plan inclúe a instalación de carteis que indiquen:
✅ Aforo máximo en condicións normais do interior e do exterior.
✅ Porcentaxe do aforo máximo decretado do interior e do exterior.
✅ Aforo máximo nas condicións actuais no interior e no exterior.
✅ Código QR do establecemento que as e os clientes deben empregar para rexistrar a súa estancia.

???? Os establecementos deben utilizar a ferramenta Turestazo, onde poderán descargar o cartel para a apertura, obrigatorio a partir do día 12 de marzo. A plataforma é accesible no seguinte enlace: http://bit.ly/turespazo

Ler Máis