Blog

28 Out
0

PRESTACIÓN DO SERVIZO DE SUMIDOIROS E DEPURACIÓN DE AUGAS RESIDUAIS

PARTICIPACIÓN CIDADÁ na elaboración do proxecto de Ordenanza fiscal reguladora sobre PRESTACIÓN DO SERVIZO DE SUMIDOIROS E DEPURACIÓN DE AUGAS RESIDUAIS

Ler Máis
28 Out
0

O Concello acomete a rehabilitación de seis ‘infravivendas’ en Tortoreos, San Cibrán e San Xosé

O Concello ten en marcha actualmente seis proxectos de rehabilitación de vivendas situadas en tres parroquias diferentes da vila. As mesmas foron seleccionadas pola Concellería de Servizos Sociais, dacordo co informe do persoal técnico de urbanismo municipal. Máis polo miúdo, están iniciados xa todos os traballos: 3 en Tortoreos, 2 en San Cibrán e 1 en San Xosé de Ribarteme.



Trátase de actuacións financiadas coas subvencións do ‘Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso a vivenda 2015-2020’ e prevé a reparación de Infravivendas a través de actuacións urxentes e imprescindibles para mellorar o estado das vivendas ocupadas por persoas en risco de exclusión residencial.



Destas obras, que non poden superar a cantidade de 15.000€ por cada vivenda rehabilitada, o Concello das Neves asume un 5% dos importes.

Ler Máis
24 Out
0

COVID-19: Medidas adoptadas polo Concello despois da entrada no ‘nivel de alerta 2’ en todo o territorio galego

Logo das disposicións aprobadas pola Xunta en relación coa extensión da COVID-19, nas que se declara o ‘nivel de alerta 2’ en todo o territorio galego, o Concello das Neves adoptou as seguintes medidas:

Actividades non xestionadas polo Concello desenvoltas nos locais de titularidade municipal

Actividades de lecer de tipo socio-cultural (clases de baile, ximnasia, ensaios de música, etc.): Son accións con contacto físico ou nas que é preciso retirar a máscara, polo que NON se permitirán, nin en grupo de 5 persoas. Agás aquelas previamente programadas entre os días 22 e 25, que se poderán desenvolver extremando as medidas de seguridade. A partir do luns 26 de outubro, a restrición será de obrigado cumprimento.

Deporte non federado: Só se permitirá a práctica de deporte non federado de xeito individual (ou en grupos de 5 persoas) e ao aire libre. En ningún caso se permite practicar deporte non federado en grupo ou no interior de calquera instalación municipal.

• Deporte federado: Só se permitirá a práctica de deporte federado en interior, de xeito individual. No exterior, aplicaranse as medidas recollidas na orde do DOG 212 bis, do 21/10/2020 (https://bit.ly/3kg2ZlQ).

Locais destinados a servizos de cantina ou similar: Non se permite o servizo en barra. O aforo no interior será do 50% e na terraza do 75%.

En todos os casos permitidos, é de aplicación obrigatorio un protocolo de seguridade fronte á Covid-19: Uso de máscara (agás na práctica de deporte, nos casos permitidos), distancia de seguridade, hixiene de mans e limpeza e desinfección das instalacións.

Estas medidas foron comunicadas a todas as persoas e colectivos afectados tras tomarse as decisións, o xoves 22 de outubro.

Locais xestionados polo Concello

• A Casa da Xuventude continúa aberta nas tardes de venres a domingo, ofrecendo o servizo de atención á mocidade. O aforo total é de 20 persoas, non podendo formarse grupo de máis de 5 persoas.

• A Biblioteca continúa aberta nas tardes de martes a xoves, ofrecendo o servizo de sala de estudo. O aforo total é de 10 persoas, non podendo formarse grupo de máis de 5 persoas.

• O Auditorio Municipal reduce o seu aforo ata as 53 prazas, quedando nun 21% e cos asentos habilitados mantendo a distancia de seguridade. Só se empregará para as actividades permitidas e baixo as medidas de seguridade establecidas.

Nos tres casos existe un protocolo de seguridade fronte á Covid-19, que inclúe medidas de limpeza e desinfección, uso obrigatorio de máscara e distancia interpersoal de seguridade.

Ler Máis
22 Out
0

Normas en vigor dende este xoves 22 de outubro pola aplicación do ‘nivel 2’ de alerta fronte á COVID-19

Dende este xoves, día 22 de outubro, Galicia está no ‘nivel 2 de alerta’ polo avance da COVID-19. Ás 00:00 h. empezaron a aplicarse en todo o territorio galego distintas restricións, entre elas a limitación de reunións sociais e familiares a un mínimo de 5 persoas.

Toda a información está na orde do Diario Oficial de Galicia (DOG) 212-Bis, publicado este mércores e que pode consultarse premendo aquí.

Ler Máis
21 Out
0

Rematan as obras de reposición do pavimento no Reguengo

A Concellería de Vías e Obras, que dirixe o primeiro tenente de alcalde das Neves, Marcelino Couto, vén de rematar a reposición do pavimento do camiño no barrio do Reguengo, na parroquia de Tortoreos, unha actuación moi demandada polos veciños.



En total, acometeuse a mellora do firme nun treito de 250 metros de longo, cun ancho medio de 4,20 metros, e un ramal de 30 metros de longo cun ancho medio de 3. Instalouse, ademáis, un colector principal de 225 metros e un colector secundario no ramal de 30 metros por gravidade para a rede de saneamento, empregando tubos de PVC compacto tipo SN4 de 250 mm de diámetro. A obra abrangueu 11 pozos con as acometidas domiciliarias. Tamén se executou un pequeno muro de contención para asegurar o valado inestable no último tramo do camiño.



As obras, realizadas pola empresa Servicios Medioambientales del Miño, contaron cun orzamento de 48.929,30 € financiados polo ‘Plan Concellos 2020’ da Deputación de Pontevedra.

Ler Máis
19 Out
0

Coidemos As Neves. O lixo, no seu sitio!

O Concello vén de coñecer a existencia de novos vertidos incontrolados de lixo en distintos lugares das Neves. Días atrás tamén rexistramos incidencias deste tipo na contorna do Punto Limpo.

O Goberno municipal fai un chamamento ao coidado do medio e á correcta xestión do noso lixo. Non facelo, ademais de resultar desagradable, pode supoñer a imposición de sancións económicas.

Lembramos que existe un Punto Limpo aberto martes, xoves e sábado de 10:00 h a 14:00 h. Ademais, de xeito totalmente gratuíto, os veciños e veciñas  teñen tamén un servizo de recollida de voluminosos que poden solicitar chamando ao 986 64 80 38, escribindo a servizos@asneves.gal ou rexistrando unha incidencia no servizo de ‘Recollida para o punto limpo’
da App Línea Verde As Neves.

Ler Máis
18 Out
0

Primeiro libro sobre a historia das Neves

Dentro da Liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, destinada a actividades, o Concello este ano incluíu a realización dun libro sobre a historia do seu territorio.

Ao longo do verán contactouse con diversas persoas vinculadas á historia e ás Neves para construír o que será o primeiro libro que recolla o que aconteceu nas nosas terras dende a chegada do primeiro asentamento humano a Porto Maior ata os nosos días.

A semana pasada tivo lugar no Concello a primeira reunión de coordinación da Concelleira de Cultura co equipo de redacción. Este grupo estará integrado por Eduardo Méndez (arqueólogo da Universidade de Vigo que dirixe o proxecto de investigación do xacemento de Porto Maior), Adolfo Fernández (historiador da Universidade de Vigo especialista na Idade Antiga), Xosé Lois Vidal (Instituto de Estudos Miñoranos), Lucía García Gil (Graduada en Historia especialista na Idade Moderna, e veciña das Neves), Xosé Ramón Paz Antón (historiador especialista na Idade Contemporánea) e Manuel Álvarez Rodríguez (veciño das Neves,
investigador autodidacta da historia das Neves).

Ler Máis
15 Out
0

Dende este xoves, día 15, quedan limitadas a 10 persoas as reunións en lugares públicos e privados

A Consellería de Sanidade acordou limitar as xuntanzas en toda Galicia, tanto públicas como privadas, a un máximo de 10 persoas. Esta é unha das decisións adoptadas polo Comité clínico que fai seguimento da evolución da covid-19, tras constatar o aumento de contaxios en xuntanzas sociais e familiares. A orde pode consultarse aquí.

Ler Máis
15 Out
0

‘Voluntariado das Neves’ fai público o estado da conta ‘As Neves Zona 0’, cumprindo o seu compromiso de transparencia

Cúmprense tres anos dos lumes de 2017 e, como se comprometera, ‘Voluntariado das Neves’ fai público o estado da conta de ‘As Neves Zona 0’.

Dada a situación excepcional que estamos vivindo a causa da Covid-19 e, seguindo o protocolo establecido para o funcionamento desta
conta, acórdase destinar unha partida destes fondos para o apoio aos
Servizos Sociais do Concello naquelas situacións nas que ou ben non
existan ou sexan insuficientes as axudas oficiais.

Como ate o de agora, o destino destes fondos sempre será decidido
coa participación de Servizos Sociais do Concello, Concellería de
Servizos Sociais e Voluntariado As Neves.

Coma sempre estamos a vosa disposición para calquera aclaración
no correo voluntariadoasneves@gmail.com .

Ler Máis
13 Out
0

Plantación de árbores coincidindo co aniversario do incendio de 2017

O vindeiro xoves día 15, ás 12:20 h, o alumnado dun grupo de sexto do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé das Neves plantación de 11 árbores no novo aparcadoiro do colexio. 

A iniciativa, que coincide co día do aniversario do incendio de 2017, conta coa colaboración do Voluntariado, dentro do proxecto ‘O monte nace na escola’.

Ler Máis