Blog

19 Xul
0

Colocación do mobiliario e traslado de material á nova Escola Infantil das Neves

Nuns días estará rematada a colocación do mobiliario e o traslado do material á nova Escola Infantil das Neves. A mesma foi entregada a finais do pasado mes de xuño e comezará as súas clases o vindeiro mes de setembro.

O novo centro, ao que acudirán 20 nenas e nenos,  está situado a carón do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé. Dispón de 490 metros cadrados, máis de 161 deles construídos, con dúas aulas de usos múltiples, almacén, zona de descanso, despacho, zona de hixiene, cociña e baños.

No exterior conta con espazo para xogos, hortas, un xardín e a acceso para as familias, tal e como acordaran no seu día o Goberno municipal, a comunidade escolar, e a Asociación de Nais e Pais da Alumas e Alumnos (ANPA), a través do  Consello Escolar Municipal. O orzamento total das obras foi duns 300.000€.



Unha prioridade do Goberno das Neves

Esta nova Escola Infantil, é unha das prioridades do Goberno municipal e da resposta a unha demanda moi reiterada e agardada polas veciñas e veciños das Neves.



Acordo Xunta-Concello

A mesma é unha realidade logo do  convenio asinado co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar
Dito convenio establecía que o Concello das Neves tiña que realizar e pagar o proxecto da escola infantil, como así se fixo;  poñer a dispor un solar municipal, que é no que estaba a antiga casa do conserxe do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e, por último, achegar o 25% do custo total das obras, 75.000€ en total, con cargo aos orzamentos municipais.

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, achegou o 75% do custo total dos traballos, 225.000€, ademais da compra e colocación do mobiliario e a limpeza e desinfección do nova Escola.

Ler Máis
18 Xul
0

Dende este domingo, día 19 de xullo, é obrigatorio o uso da máscara

Obrigatoriedade do uso de máscaras no territorio galego
A partir deste domingo, 19 de xullo de 2020, entra en vigor unha nova norma relativa ao uso de máscara nos espazos públicos ou de uso público aprobada pola Consellería de Sanidade (RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2020).
 
a) Obriga xeral.
Para as persoas de 6 ou máis anos de idade será obrigatorio o uso da máscara en todo momento, tanto en espazos ao aire libre como en espazos pechados de uso público ou que se encontren abertos ao
público, aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.
 
Tamén será obrigatorio o uso de máscara, para as persoas de 6 ou máis anos, nos medios de transporte aéreo, marítimo, en autobús ou por ferrocarril, así como nos transportes públicos e privados complementarios de viaxeiros en vehículos de ata nove prazas, incluído o condutor.
 
b) Regras específicas.
1. Na realización de adestramentos e na celebración de competicións dentro da actividade deportiva federada de competencia autonómica, aplicarase, respecto ao uso da máscara, o recollido especificamente no protocolo das federacións deportivas respectivas.
 
2. No caso de colectivos artísticos que desenvolvan actos e espectáculos culturais, produción erodaxe de obras audiovisuais, aplicaranse as medidas previstas na RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2020 (DOG Núm. 115 do Sábado, 13 de xuño de 2020).
 
3. No caso dos coros e agrupacións vocais de canto, das orquestras, bandas e outras agrupacións musicais, da celebración de congresos, encontros, reunións de negocio, conferencias, eventos e actos similares e da actividade formativa en conservatorios, escolas de música e danza,
observarase o indicado especificamente nas medidas recollidas na RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2020 (DOG Núm. 115 do Sábado, 13 de xuño de 2020).
 
4. Nos centros docentes observarase, respecto ao uso da máscara, o recollido especificamente no correspondente protocolo.
 
c) Condicións de uso da máscara.
A máscara debe cubrir desde o nariz ata o queixo, incluído e non deberá conter válvula para exhalar, agás nos usos profesionais para os cales este tipo de máscara poida estar recomendada.
 
d) Excepcións á obriga de uso da máscara.
1. En persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitar a máscara; ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.
 
2. Nos vehículos cando todas as persoas ocupantes convivan no mesmo domicilio.
 
3. Nas praias e piscinas, durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse, e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade (1,5 m) entre persoas non conviventes. En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas praias e piscinas.
 
4. Nos establecementos de hostalaría e restauración, por parte dos clientes do establecemento exclusivamente no momento específico do consumo.
 
5. No interior dos cuartos de establecementos de aloxamento turístico e outros espazos similares, cando unicamente se atopen neles persoas que se aloxen no cuarto.
 
6. Nos buques e embarcacións de transporte de competencia autonómica, no interior dos camarotes, cando unicamente se atopen neles persoas que se aloxen no camarote.
 
7. No caso de exercicio de deporte individual ao aire libre, exclusivamente durante a realización da práctica deportiva e sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento da distancia de dous metros con outras persoas non conviventes.
 
8. No caso de actividade física e deportiva en instalacións e centros deportivos, sempre que se poida garantir o mantemento da distancia de seguridade interpersoal en todo momento, exclusivamente durante a realización das ditas actividades e tendo en conta o protocolo publicado para a instalación.
 
9. En supostos de forza maior ou situación de necesidade ou cando, pola propia natureza das actividades, o uso da máscara resulte incompatible, conforme as indicacións das autoridades sanitarias.
 
e) Recomendación.
Nos espazos privados, abertos ou pechados, de uso privado, recoméndase o uso de máscara, no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non conviventes, aínda que se poida garantir o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.
 
 Acceso á norma completa no DOG Núm. 143 do sábado, 18 de xullo de 2020: https://bit.ly/2ZCGT5e.

Ler Máis
14 Xul
0

Carta da concelleira de Servizos Sociais ás familias das nenas e nenos que están no ‘Campamento de Verán’

Pilar González Casas, concelleira de Servizos Sociais, vén de remitir unha carta ás familias das nenas e nenos que disfrutan do Campamento de Verán das Neves. Na mesma, sinala que o Campamento “desenvólvese este ano en condicións moi singulares”, o cal impediu que houbese unha reunión informativa previa ao inicio da actividade.

A concelleira explica que o Campamento deste verán lévase a cabo en tres espazos naturais diferentes, e con tres grupos limitados de nenas e nenos para garantir as medidas sanitarias.

Os espazos escollidos son:
Cerdeira
Liñares e Santa Mariña
Taboexa

????No período do 6 de xullo ao 22 de xullo: (ambos incluídos) o grupo 1 estará en Taboexa, o grupo 2 en Cerdeira e o grupo 3 en Liñares.
???? Do 23 de xullo ao 12 de agosto: (ambos incluídos), o grupo 1 irá a Cerdeira, o grupo 2 a Liñares e o grupo 3 a Taboexa.
???? Do 13 de agosto ao 28 de agosto: (ambos incluídos), o grupo 1 estará en Liñares, o grupo 2 en Taboexa e o grupo 3 en Cerdeira.

Tendo en conta que Cerdeira é o lugar máis afastado, as nenas e nenos poderán deixarse na escola de Cerdeira ás oito e media (previo aviso ás monitor@s – teléfono 635 76 86 55).

“Sendo esencialmente un campamento ambiental suxerímosvos que compartades vehículo para o traslado, mellorando así tamén a corresponsabilidade e o proceso de socialización”, conclúe a concelleira.

Ler Máis
09 Xul
0

Empeza o ‘Campamento de Verán 2020’ das Neves

Esta semana deu comezo o ‘Campamento de Verán 2020’ organizado polo Concello das Neves, destinado a nenas e nenos empadroados e con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, que terá dúas quendas, en xullo e agosto.



Este ano, o campamento será moi diferente porque se desenvolverá en espazos naturais, achegando ás cativas e aos cativos ao seu territorio, permitíndolles descubrir todos os seus recursos e cumprindo con maior seguridade os protocolos recomendados por mor da COVID-19.



As actividades desenvolveranse ao aire libre e en grupos reducidos de 10 nenas e nenos a cargo de dúas persoas. Os espazos seleccionados, todos cheos de moitas potencialidades polos seus recursos naturais e patrimoniais, foron: a parroquia de Cerdeira, a área recreativa de Santa Mariña e a contorna dos montes da Coutada en Taboexa.



Os grupos asignados a cada un destes espazos irá rotando polos outros dous cada 13 días laborais, de maneira que todos os nenos e nenas poderán gozar das distintas actividades que se realizarán nos tres espazos e adaptadas ao medio no que se desenvolven. Cada espazo dispón dun lugar cuberto de referencia (as antigas escolas ou Centro Cultural, no caso de Taboexa), para utilizar cando o tempo non permita estar no exterior.



Co obxectivo de elaborar unha programación de actividades pensadas para que nenas e nenos descubran o medio e interactúe con el, optimizando os recursos que ofrece cada espazo, as monitoras e monitores recibiron formación sobre “Infancia e natureza” nun taller intensivo de tres días, que foi impartido por “Foresta- Espazo de aprendizaxe activo na natureza”.



Despois do confinamento vivido nestes meses, que fixo permanecer moito tempo aos cativos no interiordas casas, sen poder participar en actividades no exterior, é necesario, máis que nunca, ofrecerlles a oportunidade de realizar actividades físicas ao aire libre. Sempre coidando o cumprimento de todas as medidas de protección recomendadas polas autoridades sanitarias (lavado de mans, uso de máscaras, uso de xel e control da temperatura corporal).



Pilar González Casas, concelleira de Benestar, lembra que “permanecer ao aire libre, axuda a mitigar o illamentosocial e moitos dos seus inconvenientes. O acceso a espazos verdes é un importante activo de saúde e, máis alá dos aspectos estéticos e lúdicos, na natureza está parte da solución a moitos dos problemas sociais e sanitarios que foron xerados coa pandemia da COVID-19. Se ademais estes espazos verdes permiten achegar aos máis pequenos e pequenas ao noso patrimonio natural e cultural, cumpriremos un dobre obxectivo”.

Ler Máis
06 Xul
0

Selección de informador/a turístico

O Concello das Neves informa do inicio do proceso para seleccionar o posto de informador/a turístico durante este ano 2020. Este posto e financiado pola Deputación de Pontevedra e o Organismo Turismo Rías Baixas ao abeiro da orde publicada no BOPPO núm. 29 de 12 de febreiro de 2020.

Interior da Oficina de Turismo

Exterior da Oficina de Turismo

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Bases e documentos:

Bases selección informador_a turístico_a

Anexo I

Anuncio

Listado definitivo de aspirantes

Nomeamento do tribunal e data da entrevista

Resultado da selección para o posto de Informador_a Turístico_a

Ler Máis
06 Xul
0

Resintoniza o teu televisor

Para cumprir co proceso de liberación do segundo dividendo dixital, leváronse a cabo nas Neves unha serie de actuacións para realizar os cambios necesarios nos centros de cobertura do sinal de TDT.

As mesmas non causaron problemas nos televisores e decodificadores actuais de TDT, que non teñen porque cambiarse. Tampouco houbo cambios na oferta televisiva: nin perda de canles, nin canles novas, simplemente, os mesmos que se recibían cambiaron a súa frecuencia de emisión.

Ditas actuacións realizáronse o pasado 15 de xuño, no centro de TDT das Neves, en San Nomedio. Este centro presta o servizo de difusión da TDT para parte da poboación do concello. O proceso consistiu no apagamento neste centro das frecuencias de emisión do múltiple autonómico, e o acendido na nova frecuencia asignada. Canle 28 (MUX AUTONÓMICO): TVG, TVG2, GHD, G2HD.

Axustar a antena e actualizar a busca de canles

Para poder seguir vendo estas canles, os interesados deberán, en primeiro lugar, dispor da cobertura axeitada do devandito centro,podendo confirmar tanto o centro emisor como a calidade da cobertura por teléfono- chamando ao 881 866 388 – ou na web www.tdtgalicia.gal.

De seguido, bastará con realizar unha busca das novas canles no receptor de TDT. No caso das comunidades de veciños, pode ser necesario axustar a antena colectiva para asegurar a calidade da recepción.

Ler Máis
03 Xul
0

O Goberno Municipal proporá ao Pleno que inste a Abanca a que deixe de cobrar comisións abusivas

O Goberno local das Neves levará ao Pleno da Corporación do vindeiro martes, día 7, unha proposta de acordo instando a Abanca a que elimine as comisións abusivas e que devolva as xa cobradas. Ademais, o Goberno municipal, integrado polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) e o Partido dos Socialistas de Galicia (PSdG-PSOE), fará extensiva esta solicitude a todas as entidades bancarias.

Afectou a pensionistas,autónomos e traballadores en situación de ERTE

Dende o Goberno nevense sinálase que nos últimos días, Abanca efectuou o cobro de 50 € en concepto de comisión semestral de mantemento aos seus usuarios e usuarias que afectou, fundamentalmente, a pensionistas, persoas autónomas e persoas traballadoras, moitas delas en situación de ERTE.

Así mesmo, lembra que esta entidade privada declarou uns beneficios de arredor de 405 millóns de euros en 2019, ao que contribuíron, en parte, comisións como as que veñen de cobrar estes días. Isto, logo de ter sido rescatada con 9.000 millóns de fondos públicos e malvendida a unha empresa estranxeira.

O Goberno Municipal rexeita o cobro destas comisións, considera que son abusivas e que afectan directamente á economía da maioría social da poboación, especialmente, nun momento tan delicado como o actual, no que xa se están a sufrir as consecuencias derivadas da crise da pandemia da Covid-19.

As entidades financieiras deben apoiar o tecido produtivo

Á vista desta situación, entende que todas as entidades financeiras deben poñerse, máis que nunca, á disposición das persoas, fomentando iniciativas de emprendemento, apoiando o tecido produtivo e evitando cobros de calquera tipo de comisión abusiva aos seus usuarios e usuarias, especialmente, ás máis vulnerables.

Ler Máis
30 Xuñ
0

Aumenta a oferta educativa en As Neves

O IES Pazo da Mercé, vén de confirmar a concesión dun novo de ciclo de Formación Profesional para o vindeiro curso 2020-2021. Trátase do Ciclo superior de Desenvolvemento de aplicacións web, con 30 prazas dispoñibles. É un ciclo con elevada demanda e que só se imparte noutros seis centros en toda Galicia.


O mesmo fóra solicitado o curso pasado, co obxectivo de completar e ampliar a formación ofertada no ámbito dan novas tecnoloxías, xa que no Centro xa se imparten outros dous ciclos desta familia: Ciclo de grao Básico de Informática de oficina (18 prazas) e ciclo de Grao Medio de Sistemas microinformáticos e redes (30 prazas).



EFA A Cancela

Tamén a EFA A Cancela aumenta a oferta de ciclos formativos a partir do vindeiro curso. Neste caso, son o ciclo de Grao Medio de Coidados auxiliares de enfermaría (20 prazas) e o ciclo de Grao Superior de Educación Infantil (30 prazas). Con estas novas incorporacións, o centro oferta xa 120 prazas en ciclos de Grao Medio e Superior de diferentes ámbitos.

Novos sistemas de calefacción

Ademais diso, a xerencia territorial de ensino vén de anunciar que este verán instalará un novo sistema de calefacción no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e no IES Pazo da Mercé das Neves. A instalación actual do IES atópase totalmente obsoleta e dende o Centro levan anos reclamando a súa mellora.

Por outro lado, dende a Concellería de Ensino das Neves, lémbrase que este curso o Concello realizou reparacións na caldeira do CEIP, e agora mesmo unha actuación nesas instalacións non sería prioritaria, sobre todo, tendo en conta que levan anos solicitando a substitución das ventás actuais.

Ambos Centros amosaron o seu malestar pola falla de comunicación por parte da Consellería de Educación da Xunta, que non os informou oficialmente das novas obras e recibiron estes datos a través da concelleira de Ensino, Pilar González Casas, quen, á súa vez, soubo estas novas a través da prensa.

Ler Máis
29 Xuñ
0

Consulta xa a listaxe de admitidos nos Campamentos Municipais de Verán

O pasado día 15, o Concello das Neves abriu o prazo de inscrición nos Campamentos Municipais de Verán.

Os mesmos están destinados a nenas e nenos empadroados nas Neves con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos e ofrecen actividades e obradoiros coma alternativa lúdica, deportiva e educativa ás cativas e cativos da vila durante o período estival.

Este luns, día 29, publícase a listaxe de admitidas e admitidos aos mesmos nas súas dúas quendas de xullo e agosto: 

Nesta listaxe relacionanse os datos dos pais/nais que presentaron a solicitude.

 

Ler Máis
28 Xuñ
0

As Neves reforza a prevención e defensa contra incendios forestais

O Concello das Neves vén de adherirse ao Convenio de Colaboración subscrito entre a Xunta a Federación Galega de Municipios (FEGAMP) e a Empresa Publica de Servizos Agrarios Galegos (Seaga) en materia de prevención e defensa contra incendios forestais.

Establecese un sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, co que se conseguirá a limpeza de 50 metros arredor dos núcleos de poboación.

A Comisión de Seguimento do Convenio, reunida nas Neves, seleccionou como priorizadas no concello as parroquias de Liñares, Toetoreo e As Neves.

Os titulares de parcelas afectadas nestas parroquias, poden firmar un contrato de xestión da biomasa.  Este contrato ofrece a posibilidade de contratar a limpeza a través da empresa pública Seaga, por unha tarifa anual de 350 € por hectárea, o que o mesmo que 35€ por 1000 metros cadrados, asumindo todas as obrigas que corresponden ás persoas responsables segundo a Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Dende o Concello, convocarase a reunións informativas a todas as persoas propietarias das parcelas incluídas no convenio, para resolver todas as posibles dúbidas. Poderán, se o desexan, subscribir o contrato de xestión da biomasa ou facerse cargo da limpeza.

Nesta fase, só se incluíron estas tres parroquias por ser, segundo a Xunta, as que cumprían os requirimentos da convocatoria en canto a afectación polos incendios nos últimos 10 anos.

Ademais, Óscar González, Segundo Tenente-Alcalde e Concelleiro de Medio Ambiente, informa de que o Goberno Municipal tamén está a traballar para resolver os problemas de xestión de biomasa máis graves no interior dos núcleos habitados e nas franxas de protección do resto de parroquias.

Ler Máis