Blog

03 Abr
0

Vives nun lugar a onde non chega o 4G? se é así precisamos da túa axuda.

Dende o Concello estamos a facer unha análise da situación actual da conectividade do noso territorio. Falamos tanto da cobertura móbil como de internet na casa ou negocio.

As tres grandes operadoras, subministradoras da cobertura móbil, aseguran que nas Neves temos 4G con moi boa intensidade na práctica totalidade dos lugares.

En canto á conexión a internet a través de fibra óptica, non existen datos xerais, pero si se pode consultar a posibilidade de instalación en cada enderezo a través das súas páxinas web:

Vives nun lugar a onde non chega o 4G?

A túa casa está nun enderezo que ten acceso a fibra óptica, e en realidade non é así?

Axúdanos a mellorar a información!

Chama ao 986648038 ou

Escríbenos a servizos@asneves.gal

Ler Máis
02 Abr
0

Compostar é o presente

 

#TempoNaCasa. #TempoParaCompostar

Dende o Concello das Neves levamos anos traballando para xestionar de forma eficiente o lixo das nosas veciñas e veciños. Unha desas formas, que xa implantamos en todo o noso territorio, é o da compostaxe.

A compostaxe é unha alternativa ecolóxica de xestión dos biorresiduos domésticos (restos de comida e vexetais), que supoñen a metade da nosa bolsa do lixo.

Son moitos e diversos os motivos para compostar:

  • Prevención contra o coronavirus. Xa que evitamos a visita ao contedor verde.
  • Cumprir coa normativa europea de xestión de residuos.
  • Reducir o gasto na xestión dos residuos.
  • Reducir as emisións de CO2 e outros gases nocivos.
  • Empregar o compost en terras de cultivo e pechar así o ciclo natural.

Onde podemos compostar?

  • As persoas que dispoñen de vivenda con terreo poden compostar a materia orgánica nun composteiro individual.
  • As persoas que viven en edificios na zona urbana poden depositar a materia orgánica nos centros de compostaxe comunitaria (ccc) máis próximos.

E que facemos co que non se pode compostar?

  • Todo o lixo non orgánico debe separarse na casa e depositarse no contedor que corresponda nas áreas de reciclaxe.

Nestes días tamén estamos a promover a reflexión conxunta sobre o modelo social que desexamos, e quixemos facer fincapé na importancia do coidado do medio que nos rodea, por iso o primeiro tema do programa #TempoNaCasa que lanzamos é O ecoloxismo e a soberanía alimentaria. Máis información: asneves.gal/tempo-na-casa-durante-a-crise-polo-coronavirus-covid-19/

Ler Máis
31 Mar
0

Aprazado o cobro de impostos

Aprázase ata novo aviso o cobro de impostos durante o estado de alarma polo COVID-19

A relación dos impostos que se aprazan son os seguintes:

  • IVTM – Imposto de vehículos de tracción mecánina (rodaxe)
  • IBI – Imposto de ben inmobles (urbana e rústica)
  • IAE – Imposto de actividades económicas
  • Servizo de auga prestado polo Concello nas Neves
  • Servizo do lixo
  • Vados

Cando remate o estado de alarma, fixarase un novo calendario 

Ler Máis
31 Mar
0

#QuedaNaCasa. Propostas para o #TempoNaCasa

O confinamento na casa prolóngase e cada vez son máis as iniciativas e plataformas web que nos ofrecen interesantes actividades a realizar, sobre todo pensadas para as e os máis pequenos.
Despois de ter iniciado un cinefórum en liña, que continuará tamén estes días, dende a Concellería de Cultura das Neves achegamos unha selección de propostas que agardamos sexan moi útiles para pasar este #TempoNaCasa.

1. Para recuperar a oralidade, dende a páxina “Orella pendella” recollen e comparten ditos, recitados, cancións, etc. Podedes acceder para aprender da literatura popular galega e para deixar tamén as vosas achegas: https://orellapendella.gal


2. Para xogar, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) ofrece na súa páxina web, totalmente de balde, catro opcións diferentes, para nenas e adultas. https://www.as-pg.gal/en-xogo


3. Ler. A lectura sempre é unha boa opción. A plataforma de préstamo de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas (GaliciaLe) agora ofrece a posibilidade de acceder aos seus libros incluso sen ter carné de biblioteca. https://www.galiciale.gal


4. Contar contos. En Kalandraka TV ofrecen vídeos con “Contos contados” http://www.kalandraka.tv


5. “Aulas galegas” é un portal educativo realizado por un colectivo de profesoras e profesores que quere ofrecerlle unha axuda educativa á sociedade. Contén moito material educativo de todo tipo clasificado por niveis e materias. https://aulasgalegas.org


6. Aprender ou mellorar o coñecemento do galego:
i. Recursos para medrar en galego, no Portal da Lingua Galega bit.ly/medengal
ii. Exercicios para traballar arredor da lingua galega https://www.ogalego.eu.
iii. O programa “Dígocho Eu” da TVG bit.ly/digochoeu.


7. Ver os programas do Xabarín Club da CRTVG bit.ly/xabarin.


8. “O Proxecto Terra” do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, ofrece unha ampla gama de actividades para infantil, primaria a secundaria que teñen como eixe central o coñecemento do territorio http://proxectoterra.coag.es/. Pode ser moi útil, sobre todo nestes días.


9. O cinema galego está nun excelente momento. Aquí algúns portais que ofrecen cinema galego de acceso libre:
i. Novo Cinema Galego bit.ly/novocinema.
ii. Mostra Internacional de Cinema Etnográfico bit.ly/micegal.

Ler Máis
31 Mar
0

Servizo de Axuda para as familias con fillas e fillos en idade escolar

O Concello das Neves ofrece un servizo de axuda para as familias con fillas e fillos en idade escolar e que non dispoñan de medios que lles permitan acceder aos contidos das tarefas que teñen que realizar neste período de confinamento por mor do Estado de Alarma decretado polo COVID-19. A iniciativa atende unha solicitude feita desde a ANPA do CEIP e faise despois de revisar un informe do propio centro.

As fotocopias dos traballos, que tamén se poden pedir telefonicamente, estarán dispoñibles para todas as persoas que as necesiten nos seguintes establecementos:

  • Estanco As Neves (Almudena)        630 060 333
  • A Librería do Xes (Aurora)              669 462 364

Co fin de garantir a igualdade de oportunidades a todo o alumnado do concello, aquelas  familias que non poidan facerse cargo dos gastos deste material, poden chamar ao teléfono dos Servizos Sociais do Concello (986 667 134), onde recibirán indicacións para recoller o material de xeito gratuíto.

Este servizo está a disposición tamén do alumnado de Educación Secundaria, Bacharelato e Ciclos.

Ler Máis
30 Mar
0

O Concello intensifica a desinfección en todo o seu territorio

O Concello intensifica a desinfección en toda a Vila, reducindo ao máximo as posibilidades de contaxio por COVID-19 

O Concello das Neves segue adiante cos traballos de limpeza en todas as parroquias e no centro, de cara a reducir ao máximo a posibilidade de contaxio por COVID-19.

 

A labor desenrolada para a desinfección realizada nos lugares máis transitados-coma gasolineiras, farmacias, supermercados, panadarías, bancos, parada de taxis, tendas, o Centro de Saúde, prazas ou a oficina de Correos-, ademais de todos ós edificios públicos- seguiu esta pasada fin de semana a das illas e contedores do lixo, repartidos por 331 puntos das Neves.

O traballo realizouse este sábado por parte de persoal do Concello dende as 9 da mañá ata as 7 e media da tarde, en máis de 250 lugares nos que están situados os colectores na práctica totalidade das parroquias. Os contedores que quedan pendentes estarán tamén desinfectados nos vindeiros días e, segundo subliña o concelleiro de Servizos Públicos e segundo tenente de alcalde, Óscar González, “é un traballo que se repetirá as veces que sexa necesario para que diminúa ao máximo calquera risco que puidese existir de contaxio ao deixar o lixo”.

Área de reciclaxe na praza do Cruceiro

Na mesma liña,  tamén fíxose unha limpeza a fondo dos composteiros comunitarios, situados na rúa Esperanza, diante da Casa da Xuventude, no aparcadoiro situado diante do Cemiterio, no Colexio e na rúa Marquesa do Pazo da Merced.

Os mesmos representan, agora máis que nunca, unha inmellorábel alternativa para depositar o material orgánico, evitando que estes restos estea no colector verde, reducindo aínda máis as posibilidades de contaxio, dada a súa seguridade, a vixilancia e a limpeza constante e o feito de que estean controlados de cote polos mestres compos

Ler Máis
30 Mar
0

Real decreto lei 10/2020, do 29 de marzo

Real decreto lei 10/2020, do 29 de marzo, polo que se regula un permiso retribuído recuperable para as persoas empregadas que non prestan servizos esenciais, co fin de reducir a mobilidade da poboación no contexto da loita contra COVID-19.

Os traballadores que estean dentro do ámbito deste real decreto lei gozarán dun permiso retribuído recuperable, obrigatoriamente, entre o 30 de marzo e o 9 de abril de 2020, ambos inclusive.

Este permiso suporá que os traballadores conservarán o dereito á remuneración que lles correspondería se prestasen servizos de xeito ordinario, incluídos os salarios base e os complementos salariais.

A recuperación do horario de traballo poderá facerse efectivo desde o día seguinte ao remate do estado de alarma ata o 31 de decembro de 2020. Esta recuperación deberá negociarse nun período de consultas aberto para este fin entre a empresa e a representación legal da persoas traballadoras, que terán unha duración máxima de sete días.

En todo caso, a recuperación destas horas non poderá supoñer o incumprimento dos períodos mínimos diarios e semanais de descanso previstos na lei e no convenio colectivo, o establecemento dun prazo de aviso inferior ao recollido no artigo 34.2 da Lei do Estatuto dos traballadores, nin a excedencia da xornada máxima anual prevista no convenio colectivo aplicable.

Non se aplicará permiso retribuído recuperable regulado no presente real decreto-lei para as seguintes persoas que traballan por conta allea:

  1. Aquelas que realicen as actividades que deberán seguir realizándose baixo cobertura dos artigos 10.1, 10.4, 14.4, 16, 17 e 18 do Real decreto 463/2020, do 14 Marzo, declarando o estado de alarma (https://www.boe.es/buscar/pdf/2020/BOE-A-2020-3692-consolidado.pdf).
  2. Aquelas que traballan nas actividades que participan na cadea de subministración do mercado e na operación dos servizos do produción de bens e servizos básicos, incluíndo alimentos, bebidas, alimentación animal, produtos de hixiene, medicamentos, produtos sanitarios ou calquera produto necesario para a protección da saúde, permitindo a súa distribución deles desde a orixe ata o destino final.
  3. Aquelas que prestan servizos nas actividades hoteleiras e de restauración que proporcionar servizos de entrega a domicilio.
  4. As que prestan servizos na cadea de produción e distribución de mercadorías, servizos, tecnoloxía sanitaria, subministracións médicas, equipos de protección, equipamento sanitario e hospitalario e calquera outro material necesario para a subministración de servizos sanitarios.
  5. As esenciais para o mantemento das actividades produtivas da industria manufactureira que ofrece subministracións, equipamentos e materiais necesarias para o correcto desenvolvemento das actividades esenciais incluídas neste anexo.
  6. Aquelas que realizan servizos de transporte, tanto para persoas como para bens, que continúan a desenvolverse desde a declaración do estado de alarma, así como aqueles que deben asegurar o mantemento dos medios empregados para iso, segundo a normativa aprobada pola autoridade competente e autoridades competentes delegadas dende a declaración do estado de alarma.
  7. As que prestan servizos en Institucións Penitenciarias, de protección civil, salvamento, rescate e prevención e extinción de incendios, seguridade de minas e tráfico e seguridade viaria. Así mesmo, os que traballan nas empresas de seguridade privada que proporciona servizos de transporte de seguridade, de resposta ante alarmas, de ronda ou vixilancia descontinua, e as que sexan necesarias para a realización de servizos de seguridade en garantía de servizos esenciais e abastecemento da poboación.
  8. As imprescindibles que apoien o mantemento do material e dos equipos das forzas armadas.
  9. As dos centros, servizos e establecementos sanitarios, así como persoas que (i) atenden a persoas maiores, menores de idade, dependentes ou persoas con discapacidade e persoas que traballan en empresas, centros de I + D + i e compañías biotecnolóxicas ligadas a COVID-19, (ii) as instalacións para animais asociadas a elas, (iii) o mantemento dos servizos mínimos das instalacións asociadas a eles e empresas subministradoras de produtos necesarios para a investigación e (iv) as empresas persoas que traballan en servizos funerarios e outras actividades relacionadas.
  10. As dos centros, servizos e establecementos asistenciais a animais.
  11. As que prestan servizos en puntos de prensa e nos medios de comunicación as axencias de comunicación ou noticias de titularidade pública e privada, así como nos seus impresión ou distribución.
  12. As das empresas de servizos financeiros, incluíndo servizos bancarios, seguros e investimento, para a prestación dos servizos que son esenciais e actividades propias de infraestruturas de pagamento e mercados financeiros.
  13. As empresas de telecomunicacións e audiovisuais e servizos informáticos esenciais, así como as redes e instalacións que as apoien e os sectores ou subsectores necesarios para o seu bo funcionamento, especialmente os que son esenciais para a prestación adecuada de servizos públicos, así como o funcionamento do traballo non presencial dos empregados públicos.
  14. As que prestan servizos relacionados coa protección e coidado das vítimas de violencia de xénero.
  15. As que traballan como avogados, procuradores, graduados sociais, tradutores, intérpretes e psicólogos e que asistan a procedementos procesuais non suspendidos polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.
  16. As que prestan servizos en despachos e asesorías legais, axencias administrativas e de graduados sociais e servizos de prevención de riscos laborais de terceiros e propios, en temas urxentes.
  17. As que prestan servizos nas notarías e rexistros para o cumprimento dos servizos esenciais fixados pola Dirección Xeral de Seguridade Xurídica e Fe Pública.
  18. As que prestan servizos de limpeza, mantemento, reparación e vixilancia urxente de fallos, así como servizos na recollida, xestión e tratamento de residuos perigosos, residuos sólidos urbanos, perigosos e non perigosos, recollida e tratamento de augas residuais, actividades de descontaminación e outros servizos de xestión de residuos e transporte e eliminación de subprodutos ou en calquera das entidades pertencentes ao Sector Público, de acordo co establecido no artigo 3 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de Contratos do sector público.
  19. Aquelas que traballan nos Centros de Acollida de Refuxiados e nos Centros de Estancia Temporal para Inmigrantes e entidades públicas de xestión privada subvencionados pola Secretaría de Estado para as Migracións e que operan no marco da Protección Internacional e da Atención Humanitaria.
  20. Aquelas que traballan en actividades de abastecemento de auga, depuración, condución, depuración e saneamento.
  21. As esenciais para a prestación de servizos de observación e predición meteorolóxica e os procesos asociados de mantemento, vixilancia e control dos procesos operativos.
  22. As do operador designado polo Estado para prestar o servizo postal universal, co fin de prestar os servizos de recollida, admisión, transporte, clasificación, distribución e entrega co único fin de garantir o dito servizo postal universal.
  23. As que prestan servizos naqueles sectores ou subsectores que participan na importación e subministración de material sanitario, como empresas de loxística, transporte, almacenaxe, empresas de tránsito aduaneiro (transportistas de mercancías) e, en xeral, todas as que participan en corredores sanitarios.
  24. Aquelas que traballan na distribución e entrega de produtos comprados no comercio por internet, teléfono ou correspondencia.
  25. Calquera outra que preste servizos que se considerasen esenciais.

Texto orixinal: https://www.boe.es/boe/dias/2020/03/29/pdfs/BOE-A-2020-4166.pdf

Ler Máis
27 Mar
0

Positivo por COVID-19 entre o persoal do Centro de Saúde das Neves

 

Xulio García, xerente da Área Sanitaria de Vigo, vén de confirmar ao alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, que unha enfermeira que fixo unha substitución temporal ata o mércores 25 de marzo no Centro de Saúde, deu positivo por COVID-19.

O xerente subliñou que o risco de contaxio de persoal sanitario a paciente é moi baixo, polo que non é preciso activar protocolos específicos para a poboación.

Aínda así, dende o goberno local recomendan a todas as persoas que acudiron estes días ao médico estean alerta e, no caso de presentar os síntomas do contaxio por coronavirus (febre, tose seca e/ou dificultade para respirar) chamen ao número 900 400 116.

O Concello esixirá que se activen todas os protocolos para que todas as veciñas e veciños das Neves teñan asegurada a asistencia sanitaria con garantías. Neste sentido, o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) informou da decisión de pechar o centro o vindeiro luns, día 30, para que se cumpran os tres días de observación nos que estará o persoal sanitario, que non presenta ningún síntoma da enfermidade, e levar a cabo o protocolo de seguimento establecido. O servizo de atención telefónica restablecerase a partir do martes.

Ler Máis
26 Mar
0

A Xunta publica as medidas que hai que cumprir para poder traballar no campo

Texto íntegro do DOG nº58 do 24/03/2020

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 23 de marzo de 2020 pola que adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación co COVID-19 en cumprimento do Acordo do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 18 de marzo de 2020, sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados, a venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais e o desprazamento de agricultores e viticultores para os efectos da realización de actividades agrarias.

Co fin de garantir a efectiva aplicación das medidas previstas no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma, e que foi modificado polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, cómpre a adopción de determinadas medidas de carácter obrigatorio.

Nesa mesma liña, o Acordo polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG número 50 bis, do 13.3.2020), determina no seu punto cuarto que «para o desenvolvemento do Plan poderán ditarse ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como adoptarse medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que se dispoña se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que hai que protexer». E, no seu punto sexto, que «A declaración de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia entenderase sen prexuízo das competencias estatais e das medidas que o Goberno ou a Administración do Estado aprobe no marco das súas competencias e en coordinación con elas».

Con absoluto respecto ao establecido nas indicadas disposicións e, en particular, ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 18 de marzo de 2020, procede establecer normas complementarias no ámbito da venda directa de produtos frescos, da venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais, así como sobre o desenvolvemento da actividade agrícola polas persoas que se dedican a esta actividade do sector primario, sobre as que desempeña as competencias a Comunidade Autónoma de Galicia, encamiñadas todas elas a limitar a circulación e desprazamento das persoas, pero tamén a garantir a cobertura destas actividades, que procuran produtos básicos ou de primeira necesidade, ou que resultan imprescindibles para a súa produción e posta á disposición de forma directa aos consumidores.

Polo exposto, no marco das competencias exclusivas que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación, fomento e mellora da produción agrogandeira, a protección e control da sanidade animal e vexetal, a defensa da produción nos cultivos vexetais agrícolas e os seus produtos, e dos procedementos relacionados coa seguridade alimentaria das producións primarias agrícolas e gandeiras, e de conformidade co establecido no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto da orde

En cumprimento do acordado na xuntanza do 18 de marzo de 2020 polo Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), a presente orde ten por obxecto regular as condicións de venda directa de produtos agrícolas e gandeiros nos mercados tradicionais que teñen lugar nos concellos de Galicia, a venda ao retallo de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais e o desprazamento de agricultores e viticultores para os efectos da realización de actividades agrarias.

Artigo 2. Venda directa de produtos agrícolas e gandeiros nos mercados tradicionais que teñen lugar nos concellos de Galicia

1. Queda prohibida ata o 31 de marzo a realización dos mercados tradicionais que teñen lugar nos concellos de Galicia con venda directa de produtos agrícolas e gandeiros. O levantamento ou mantemento desta prohibición despois do 31 de marzo poñerase en coñecemento da cidadanía a través da páxina web da Consellería do Medio Rural

2. Sen prexuízo do anterior, fomentarase a venda de produtos agrícolas e gandeiros por medios alternativos que non impliquen presenza física, como por vía telefónica, con realización de pedidos a través da rede en liña (correo electrónico), ou similares, servidos polo produtor no domicilio do consumidor, e que eviten o desprazamento de persoas pola vía pública.

3. Cando se levante a prohibición da realización de mercados tradicionais que teñen lugar nos concellos de Galicia establecida no número 1, a venda directa nos mercados limitarase única e exclusivamente a produtos agrícolas e gandeiros do sector de alimentación e produtos perecedoiros, no marco do establecido no Real decreto 463/2020.

En todo caso, os operadores comerciais participantes e as persoas usuarias quedarán sometidos ás seguintes normas específicas:

a) En canto aos postos. Os postos deberán atoparse separados por unha vía de tránsito e cunha distancia mínima entre eles de 6 metros. Permítese unha separación mínima de 4 metros entre os laterais. Como forma de instalación dos postos na superficie do mercado, recoméndase unha disposición en triángulo (en forma de triángulo equilátero, evitando que un punto de venda estea enfrontado a outro).

Dentro dun mesmo posto as persoas vendedoras deberán gardar entre si unha distancia mínima de 2 metros, quedando restrinxida a actividade comercial a un único operador no caso de que as medidas do posto non fagan posible esta separación física.

Recoméndase aos responsables dos postos poñer á disposición da clientela luvas dun só uso. En todo caso, será indispensable o uso de luvas para tocar os produtos en venda. Recoméndase contar con dispensadores de xel desinfectante para uso tanto das persoas vendedoras como das persoas usuarias de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias.

b) En canto ás persoas vendedoras. Serán as persoas titulares da explotación agraria con actividade inscritas na sección de venda directa (Sevedi) do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), parentes en primeiro grao que colaboran na actividade agraria ou empregados da explotación.

c) En canto ás persoas usuarias. A distancia mínima entre cada persoa usuaria do mercado será de 2 metros coas excepcións que establece para o efecto a normativa estatal.

A Policía Local, as agrupacións de voluntarios de Protección Civil e, en xeral, os axentes da autoridade velarán por que desde o inicio ata a conclusión do mercado se respecte esta distancia mínima persoal, regulando se for necesario o acceso para evitar aglomeracións e evitando na medida do posible calquera contacto social que non teña por obxecto a compravenda.

d) En canto á limpeza e recollida. Os refugallos xerados polo mercado deberán ser depositados en bolsas dentro dos colectores instalados para o efecto polos servizos municipais de limpeza e recollida de lixo, e, en todo caso, observaranse as determinacións que ao respecto se establezan nas ordenanzas ou bandos municipais.

Artigo 3. Venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais

O Acordo polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), do 13 de marzo de 2020, foi expresamente ratificado pola disposición derradeira primeira do Real decreto 463/2020. O punto dez do dito Acordo do 13 de marzo exceptúa da suspensión de apertura os «establecementos comerciais retallistas de alimentación e produtos e bens de primeira necesidade recollidos a continuación segundo a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 (CNAE-2009) e, concretamente, o código 47.76 comprende o «Comercio ao retallo de flores, plantas, sementes, fertilizantes (…) en establecementos especializados».

En aplicación desa disposición, os establecementos que vendan os referidos produtos non se atoparían afectados pola suspensión de apertura decretada.

Sen prexuízo da venda en establecemento de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais, esta poderá realizarse tamén a través da venda ambulante, con desprazamento das persoas vendedoras ás localidades onde teñen os seus clientes, nos termos e condicións para a venda ambulante ou non sedentaria previstos na Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, nas ordenanzas municipais e demais normativa aplicable.

As persoas vendedoras de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais deberán dispoñer do carné básico de aplicación de produtos fitosanitarios, que poderá exixírselles como acreditación. Igualmente, a acreditación polas persoas compradoras de produtos vexetais con destino á plantación en hortas farase co dito o carné básico de aplicación de produtos fitosanitarios.

Artigo 4. Realización de actividades agrarias

As persoas agricultoras e viticultoras profesionais e os seus traballadores poderán efectuar os desprazamentos para a realización dos traballos necesarios de atención e mantemento dos cultivos e das viñas.

Para os efectos desta disposición, terá a consideración de agricultor/a profesional, ben sexa a tempo completo ou parcial, quen estea de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

Para a acreditación do carácter de agricultor/a, que xustifique a realización deses desprazamentos, é suficiente coa inscrición da explotación no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). Nese sentido, os axentes da autoridade poderán dirixirse ao dito rexistro para efectuar calquera comprobación que consideren oportuna. No caso das persoas viticultoras profesionais, poderán acreditalo tamén co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistrado dispensada polo consello regulador da denominación de orixe cando se dan de alta nos rexistros.

Respecto das persoas que teñan cultivos ou viñas considerados de autoconsumo, é dicir, con fins non comerciais e, polo tanto, non desenvolvan unha actividade profesional agraria, poderán realizar os desprazamentos mínimos e imprescindibles para o mantemento e atención dos ditos cultivos e viñas, sen que o desprazamento poida supoñer unha distancia superior a 500 metros da súa vivenda habitual. En ningún caso poderá haber máis de dúas persoas na leira, as cales deberán respectar en todo momento as distancias de seguridade e demais protocolos de prevención establecidos pola autoridade sanitaria.

En relación coa acreditación da necesidade de desprazamento, nas actividades agrarias consideradas de autoconsumo poderá realizarse coa presentación do carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios. No caso das persoas viticultoras, poderán acreditalo co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistrado dispensada polo consello regulador da denominación de orixe cando se dan de alta nos rexistros.

Disposición derradeira única. Vixencia

A presente disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e estenderá a súa vixencia ata a finalización da declaración do período do estado de alarma ou as súas prórrogas.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

Ler Máis