Recuperar para o seu desenrolo económico e ambiental 40 hectáreas de monte entre as parroquias de Tortoreos e Rubiós. Ese é o proxecto no que traballa o Concello das Neves coa Consellería de Medio Rural da Xunta.
Un dos chanzos deste plan subiuse na reunión mantida nas Neves entre o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), Miguel Pérez Dubois,subdirector de Mobilidade de Terras da mesma axencia, e Antonio Crespo, delegado territorial da Consellería de Medio Rural.
Creación de emprego
A intención é “pasar do abandono á utilidade”, recuperando un espazo desatendido para obter produtos con selo ecolóxico, “facilitando a creación de emprego e de riqueza e, ao tempo, comprometerse coa recuperación ambiental”, indica o alcalde das Neves.
Nesta superficie, que seguirá sendo dos seus propietarios, está previsto o establecemento de diferentes actividades de explotación que manterán o respecto polo medio ambiente, permitirán o uso da terra e xerarán bens de consumo.
Recuperación de terras abandonadas
Este proxecto engarza coa recuperación de terras agrarias abandonadas que está a impulsar a Xunta por medio das ‘Aldeas Modelo’ que, coma no caso desta demarcación entre as parroquias de Tortoreos e Rubiós, pretende mobilizar a terra para a recuperación produtiva en zonas abandonadas preto de núcleos de poboación, contribuíndo, ademais á prevención de incendios.