Dende este luns, día 1 de xuño, as veciñas e veciños das Neves poderán comunicar ao Concello, en tempo real e empregando o seu teléfono móbil, calquera problema que atopen na vila.

Só facendo unha fotografía 

Mediante a nova App ‘Linea Verde As Neves’, será posible informar, facendo so unha fotografía, de calquera avaría, dano, atranco ou perigo que se atope en calquera lugar do concello e que teña que ver co alumeado, abastecemento, saneamento, estradas, camiños e pistas urbanas e rurais, lixo e limpeza, compostaxe, punto limpo ou áreas de lecer e de deportes.

As avarías ou danos que se comuniquen chegarán ás persoas do Concello encargadas de reparalas e a veciña ou veciño que realice a comunicación recibirá un aviso no seu teléfono móbil informando do estado da reparación- se a mesma está en curso, cando está previsto acometela ou se xa se traballa nela-e en canto se solucione se lle enviará aviso, incluso cunha fotografía, para que poida ver que, efectivamente, o problema está resolto.

Alertar de situacións de risco

Esta nova aplicación, que pode baixarse dende Play Store para teléfonos android ou dende “AppStore” para teléfonos Iphone, abrangue tamén incidencias que poidan producirse en fontes e lavadoiros e sinalizacións de tráfico, permite denunciar casos de acoso escolar e violencia machista e alertar de situacións de risco social ou sanitario.

Así mesmo, os cidadáns poden pedir información sobre medio ambiente, realizar consultas e obter respostas personalizadas en 24 horas, solicitar a recollida de residuos, buscar información sobre puntos de interese do concello ou acceder a outros servizos municipais como o de Turismo, Patrimonio, Urbanismo ou Edificios Públicos.

 

Notificacións e novas no teu teléfono 

Os veciños e veciñas que o desexen poderán recibir no seu teléfono todas as comunicacións, novas de actualidade e alertas  que o Concello publique nas súas redes sociais e participar, tamén, en consultas e enquisas que se fagan dende a administración municipal.

Descarga a aplicación en android ou iphone (pulsando nas imaxes):

 

Linea Verde AsNeves_Incidencias_diptico