Este martes, 2 de marzo, o Concello das Neves estrea o seu ‘novo salón de plenos’ cunha sesión ordinaria do Pleno da Corporación ás 20:00 h.
O antigo salón foi renovado na súa totalidade coa instalación dun novo ‘estrado’ para as concelleiras e concelleiros, dotado de micrófonos individuais, conexións para teléfonos móbiles, ordenadores e tabletas.
Tamén conta con un novo sistema de alumeado, adaptado ás condicións exteriores, de baixo consumo e ecolóxico, ou cadeiras novas, tanto para os concelleiros coma para o público que asista ao pleno. Así mesmo, reformouse totalmente a pintura de paredes e teitos, o acceso ao mesmo e os estores das fiestras para aproveitar ao máximo a luz natural.
O novo salón de plenos que, subliñan o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, e o tenente de alcalde, Marcelino Couto, “presenta unha nova imaxe renovada e máis moderna e actual das Neves”, incorpora un sistema audiovisual que permite a proxección de calquera tipo de imaxes dende un equipo externo a unha pantalla retráctil. Tamén fai posible a gravación e retransmisión en directo dos plenos por ‘streaming’, tal e como se fará este martes, a través das canles telemáticas e redes sociais do Concello.
NOTA: na situación actual da pandemia de COVID19 o acceso presencial do público non estará permitido xa que o aforo da estancia non o permite.