O Concello das Neves recibirá este ano 545.849,96 € do ‘Plan Concellos 2021’ da Deputación de Pontevedra. Da suma total, 387.356,57 € corresponden á liña 1, de obras e subministracións; 35.830,48 € á liña 2, de gastos correntes e actividades; e os 122.662,91 € restantes á liña 3, de contratación de persoas desempregadas para servizos municipais.

Liña 1

Dentro desta liña de financiamento, o Concello das Neves vai levar a cabo os seguintes proxectos: Novo acceso ao Centro de Saúde e ao Centro de Día que mellorará substancialmente a seguridade. Nel, a actual entrada peonil será tamén acceso rodado con sentido único de circulación, deixando a actual entrada/saída quede só como saída.

Crearase ademais unha zona segura de acceso e circulación peonil e a pavimentación e construción de rede de saneamento en Prado (Vide), onde quedará pendente a conexión á rede nun proxecto posterior.

Tamén se reformará o firme da principal vía do barrio do Redondelo (Tortoreos) e acometerase a construción de muros e mellora de vías en diferentes puntos do concello. Nesta mesma liña, seguen as actuacións de mellora accesibilidade, do ‘Plan de accesibilidade 2019-2023’, en Casteliño e Gándaras (Rubiós) con construción de rede de saneamento, e no Mouro (Taboexa).

Así mismo, acometerase a construción dun aparcadoiro paralelo á estrada da circunvalación, nos terreos de dominio público na urbanización sen executar na rúa Cruceiro, que cumprirá unha función disuasoria de tráfico.

Levarase a cabo o mantemento de edificios públicos: Reforma integral do tellado da escola de Santa Eulalia de Batalláns, pequenos arranxos de deficiencias no tellado da escola de San Xosé de Ribarteme, reforma para mellorar a usabilidade dun espazo en servizos sociais e mellora do local empregado para o Banco de Alimentos municipal.

Tamén se realizará a compra e instalación de mobiliario de oficina para o despacho da alcaldía, a aula de formación municipal (situada no edificio de Correos) e un local da Casa da Música destinado a ser usado por diferentes asociacións de Rubiós.

Por último, coa aportación do Concello, está previsto a execución dunha senda peonil dende a rotonda do Conde (Tortoreos) ata o IES Pazo da Mercé.

Esta liña complétase cunha pequena partida destinada a axudas aos sectores máis afectados pola Covid-19 de 16.258,87 € que se sumarán a outros 11.197,31 € procedentes dunha liña adicional extraordinaria específica para este tipo de axudas.

Liña 2

A través da liña 2 do Plan Concellos 2021 desenvolveranse accións do programa de desenvolvemento local #ViveNasNeves 2021, renovarase totalmente a páxina web municipal, financiarase a maquetaxe do libro de historia das Neves e cubrirase unha actuación de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre prevista para o día 12 de outubro.

#ViveNasNeves

Dentro do #ViveNasNeves 2021, atópase a creación dunha plataforma de información para compra/venda/aluguer de vivendas, terreos e locais comerciais e, tamén para ofertas de traballo; ademais da alta na plataforma web ‘Vente A Vivir A Un Pueblo’.

Liña 3

Nesta liña, incluíronse 10 contratacións de persoal: 1 Monitor Servizos Comunidade para a Casa da Xuventude (10 meses); 2 Peóns vías e obras (9 meses); 2 Fontaneiros (6 meses); 1 Condutor de maquinaria (10 meses); 2 Peóns forestais (9 meses) e 2 Peóns de recollida de lixo (10 meses)

Debido a que a contía do Plan Concellos non é suficiente para os 10 contratos detallados, o Concello aporta unha contía de 10.491, 15 € das arcas municipais para completar os custos reais.