No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz, unha manifestación artística tamén denominada contacontos.
Celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia hai case trinta anos, e foise estendendo a outros países.
No 2021 os narradores e narradoras galegas súmanse a esta celebración mundial contando na nosa fala por diferentes lugares do país de xeito simultáneo, conscientes de que, nestes tempos de illamento, as historias axudan a identificarse e a reconciliarnos coa condición humana, e
mesmo acompañan a quen se sente só, desvalido ou, simplemente, a quen precisa rir e celebrar.
Este Día Internacional da Narración Oral en Galicia está organizado polo Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, coa colaboración do Festival de Narración Oral de Pontevedra “Sete Falares” e do Festival “Falando a Boca Chea” da Coruña, así como coa participación do colectivo
de narradoras e narradores orais de Galicia, NOGA.
Para conmemorar o día, a escritora Fina Casalderrey elaborou un manifesto a petición das entidades organizadoras.
Sesión de contadas para adultos, nas Neves
O Concello das Neves, a través da Concellería de Cultura, colabora na celebración deste evento cunha sesión de contadas para público adulto (recomendado para maiores de 14 anos) da man da narradora oral Lorena Pinheiro, que relatará historias de vergoñas, silencios e rebeldías.
Será o sábado 20 de marzo ás 12:00 h na Biblioteca Municipal. O aforo estará limitado e será de aplicación o protocolo antiCovid-19.