O centro das Neves xa conta cun espazo renovado, humanizado e seguro entre o colexio Marquesa do Pazo da Mercé e a praza de San Agostiño, a través da rúa Rosalía de Castro.

O deputado provincial Gregorio Agís visitou este martes as obras de mellora desta parte da vila, executadas ao abeiro do ‘Plan DepoRemse’ da Deputación de Pontevedra.

Agís, acompañado polo alcalde, Xosé Manuel Rodríguez,  o primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, e os membros do Goberno municipal, puxo en valor esta actuación, na que se investiron 254.868€, o 90%  aportado pola institución provincial-229.381€- e o restante 10% polo Concello das Neves-25.486€-.

Espazo a disposición das persoas

O deputado provincial e os máximos representantes do Goberno municipal coincidiron na importancia desta actuación na que o espazo público se pon a disposición das persoas e onde se establece o tráfico en condicións de seguridade.

Así mesmo, subliñaron a importancia de que a Deputación e o Concello teñan unha mesma visión urbanística subliñando a importancia de gañar espazo para as veciñas e veciños.

‘Cambio radical’

A actuación, nunha zona de especial tránsito, ao transcorrer polo centro urbano e o colexio, permitiu darlle un cambio radical a este espazo proporcionando unha mobilidade segura e dándolle prioridade ás persoas

Unha vez rematadas as obras, a praza de Santo Agostiño, que antes estaba invadida de coches, foi reordenada cunha plataforma única de pedra seguindo a tradición dos pavimentos utilizados no centro da vila. Este novo empedrado conta ademais cun despece para facilitar a flexibilidade dos espazos nos que está permitida a circulación de vehículos.

Contorna do colexio

En canto ás obras realizadas na contorna do colexio, consistiron na ordenación de todo o aparcamento, que anteriormente era unha simple explanada.

Deste xeito, a zona quedou acondicionada cunha beirarrúa de 2,5 metros de anchura, co marcado dos espazos de aparcamento e coa identificación mediante marcas viarias dos destinos de cada un dos autobuses.

Retirada da ‘torreta’ de Fenosa

Ademais, tamén se deu solución a unha demanda histórica da comunidade escolar ao retirar unha torreta de Fenosa.

Rúa Rosalía de Castro

No que atinxe á rúa Rosalía de Castro, o obxectivo era ofrecer un itinerario peonil accesible e seguro entre o colexio e o centro da vila. Para isto, ampliouse unha das beirarrúas e na outra executouse un aparcamento en liña. Finalmente, o viario quedou de sentido único en dirección ao colexio, cun carril de circulación de 3 metros e con pasos de peóns reforzados con luminarias no chan para unha mellor visibilidade. 

5,5 millóns de investimentos da Deputación 

Dende 2015, tal e como sinalou Gregorio Agís,  a Deputación de Pontevedra realizou investimentos de máis de 5,5 millóns en As Neves, entre eles o Plan Concellos que permitiu realizar máis de 50 obras e sufragar actividades culturais, amais da liña de emprego, que permitiu contratar nestes anos a 75 traballadores e traballadoras.