O pasado luns, 21 de xuño, no salón de plenos do Concello das Neves, tivo lugar a primeira reunión do Consello Climático Xuvenil, formado por un grupo de alumnas e alumnos de 4º da ESO do IES Pazo da Mercé.

Ao encontro asistiu o seu profesor, Fernando e a concelleira de Ensino, Pilar González, así como Carmen Novas, representante do Fondo Galego, coa que falaron a través dunha videoconferencia.

Traballo contra o cambio climático

Trátase dun instrumento que ofrece a oportunidade de atraer, concienciar e involucrar á mocidade europea na asunción dun papel máis destacado na loita contra o cambio climático, e foi creado dentro das actividades do proxecto europeo “People&Planet: un destino común”, promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade entre os Concellos socios.

O consello reunirase unha vez ao mes ata outubro de 2024, ano no que se organizará un encontro cos grupos dos outros concellos participantes (A Guarda, Oleiros, Rodeiro e Silleda) e, posteriormente, unha selección de participantes desprazarase a Portugal para participar nun
Youthactivism Lab con membros dos consellos dos restantes países integrados neste proxecto.

Dende o Fondo Galego dinamizarán esta actividade con persoal especializado que orientará as sesións de traballo cara a reflexión sobre estilos de vida individuais e colectivos máis sostibles, xuntando as visións locais e global, a fin de elaborar o borrador dunha guía na que se concreten propostas, alén de promover cambios de comportamento ou outras cuestións municipais, estatais e internacionais relacionadas coa sustentabilidade.