No marco das actividades de concienciación contra a Violencia de Xénero, o Concello pon en marcha durante o mes de novembro unha iniciativa de participación veciñal de ‘ganchillo solidario‘.

Trátase dun xeito de unir as mans de forma participativa e pública; facendo visible a necesidade de establecer canles sólidas de apoio e confeccionar un rexeitamento común contra todo acto de violencia machista.

Participación

Para participar hai que recoller o material nas oficinas de Servizos Sociais, de luns a venres en horario de 10:00 a 12:00 h, e devolver as pezas confeccionadas no mesmo lugar e horario ata o 18 de novembro.

Coa finalidade de resolver dúbidas, o venres 6 de novembro a partir das 11:00 h, poderán achegarse a Servizos Sociais todas aquelas persoas interesadas na actividade, ademais de poder recoller xa o material.

As mostras realizadas polas persoas participantes uniranse e a creación resultante estará exposta nas instalacións municipais nas vindeiras semanas.