O Concello de Neves apunta o éxito acadado logo da implantación da aplicación ‘Línea Verde’. Desde que o servizo se puxo en funcionamento, a participación cidadá creceu de xeito exponencial. Isto demostra unha resposta efectiva por parte do Concello na resolución de incidencias rexistradas polas veciñas e veciños.
Máis de 2.000 incidencias
Ata a data recibíronse 2.086 incidencias, das que o 88% xa están resoltas. O tipo de incidencias máis frecuentes son as referidas a “Alumeado”, seguidas de “Recollida para o punto limpo”, “Estradas rurais e urbanas”, “Xardinería” e “Edificios públicos”.
Grazas á implicación directa da veciñanza, o Concello puido levar a cabo accións áxiles. Ademais, foi consciente de certas necesidades que non se tiñan identificado.
Cómo empregar a aplicación ‘Línea Verde’?
Para empregar este servizo é necesario descargar de balde, no teléfono móbil ou na tablet, a aplicación ‘Línea Verde’ a través de Google Play ou APP Store (Android / iOS) e seleccionar o municipio: As Neves.
O procedemento é moi rápido e sinxelo. Para informar dunha incidencia, só hai acceder a “Nova incidencia” e seleccionar tipo de incidencia. De xeito automático, a APP detecta as coordenadas exactas onde se localiza o dano.
O seguinte paso é achegar unha foto e información sobre a incidencia e, finalmente premer sobre “enviar”.
Unha vez enviada, o persoal do Concello recibe a notificación dos danos
denunciados. A partir deste momento inícianse os trámites para resolver a incidencia rexistrada. A veciña ou veciño, á súa vez, recibe unha notificación no seu teléfono móbil sempre que se produce un cambio no estado da mesma.
Tamén se pode acceder ao servizo ‘Línea Verde’ a través da web www.linaverdeasneves.gal.
Dende o Concello amosan a satisfacción polos resultados obtidos e animan á veciñanza a seguir empregando esta canle de comunicación directa.